Con catro meses de antelación, como querendo adiantarse á alegría prometida, constitúese en Vigo a Sociedad Carnavalesca “con grandioso obxecto de facer solemne, honrosa e pavericamente, dada a súa alta dignidade correspondente, a entrada e estadía nesta vila do celebérrimo e poderosísimo, canto riseiro, humorístico e nunca ben ponderado ínclito señor, deus Momo, que de camiño para a inmediata parroquia de matamá, onde pensa tomar os baños do río de San Pedro, deterase con todo o seu acompañamento infernal (en obsequio das boas relacións que con esta Corte sosterá no futuro, segundo o contrato celebrado coas súas altas xerarquías e dignidades) os días 11, 12, 13, e 14 do próximo febreiro”.
Xa temos dado conta oportunamente do programa daquel convulso Carnaval, que se anunciaba cunha sonora Trova, a cal quizais sexa obxecto algún día doutro comentario noso. Remataba así: “Mas…nada extrañe en este jaleo- se invierta, señores, inmenso caudal. ¡El célebre Creso, que está de paseo- en Vigo, costea su gran Carnaval!”.
Anos máis tarde, en 1884, publicaríase, con similar motivo, un xornal de circunstancias titulado Boletín Carnavalesco. Advírtese que o papel e o tempo para enchelo, non andaban escasos por aqueles anos de fin de século.
15 de outubro de 1876. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).