Tras aquelas pedradas e golpes de sabres dos que foron vítimas nas rúas de Vigo uns mariñeiros holandeses o 11 de xuño de 1654 e grazas á sutil intervención diplomática do capitán xeneral de Galicia, D. Vicente Gonzaga, a escuadra dos Países Baixos non tivo reparo en volver ás augas da nosa bahía. Os culpables foron castigados, destacadas personalidades holandesas intercederon no seu favor e, en fin, chegou a hora do borrón e conta nova.
Proba diso é a seguinte nota que se garda no arquivo de Simancas (Estado-Cartafol 2.672):
“Sobre a carta ao Consello de Estado de D. Vicente Gonzaga, dando conta de dispoñer que unhas fragatas do corso de Ostende apreixasen pola forza das armas (como o fixeron) un navío inglés cargado de mercadorías na ría de Vigo coa condición de lles dar as dúas partes, exceptuando o navío e artillería. O Consello dixo que tería sido conveniente que non se tivese chegado a este lance, pero xa que se executou, que se despache correo a D. Vicente Gonzaga ordenándolle que se faga inventario da facenda que nel había e que se poña todo en depósito sen tocar nada por ningún accidente até nova orde e que á xente se lle faga un bo tratamento.-Madrid, 20 de setembro de 1655”.
Dedúcese deste episodio nas augas da propia baía que o navío inglés entrara nelas confiado, quizais a sabendas de que en Vigo non existía forza naval de guerra ou corsaria capaz de se lle enfrontar. E dedúcese, igualmente, que o golpe proxectado por D. Vicente Gonzaga non foi do agrado do Consello de Estado porque tamén na guerra hai modos e formas de conveniencia.
Por outra parte, é interesante recoñecer, a través deste documento, a forma de reparto das presas realizadas nas nosas augas por barcos de nacións amigas. Neste caso, corresponderon ás fragatas do corso de Ostende dúas partes de cargamento, non así a nave e a artillaría apreixada, que se entende que pertencía a España por se realizar a presa nas súas augas. En condicións similares é de supor que actuasen os barcos franceses e norteamericanos que, no século seguinte, tomaron tamén por base de operacións este porto, se ben a súa actividade fose episódica.
En fin, valla como sentenza a lembranza daquel cesto de cereixas e o burro azoutado. Das discordias viñeron as paces, a colaboración no apresamento dun barco inglés. Pero- vaia todo por Deus!- medio século máis tarde, barcos holandeses e ingleses entrarían do brazo en Vigo para destruíren a nosa flota de Indias…
20 de setembro de 1655. Xosé María Álvarez Blázquez. ‘A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo’ (Xerais, 2008).