Os barcos de Vigo, armados en corso, ‘Ánimas’ (por outro nome, ‘Gallardo’) e ‘San Antonio‘, saen de porto a súa ventura. En unión aos que saíran do porto o 31 de agosto, tamén con patente de corso, efectuaron no breve prazo un total de nove presas de barcos ingleses, sen perda ningunha pola súa parte. As naves apreixadas traían cargamentos de sal, laranxas de berbería e bacallau de Terranova, todo o cal foi vendido en Vigo por conta dos comerciantes armadores. Era a cara amable daquela loita despiadada.
Por esta época tamén trataron de facer base de operacións no noso porto outras embarcacións de países amigos. A fins de 1778 estiveron aquí catro corsarios franceses e un norteamericano, este provisto de 20 cañóns e con cen tripulantes; alcanzaron a traer a Vigo catro presas, pero foiles prohibido despois continuar con base no noso porto por se entender que perxudicaban aos barcos locais.
En 1779 volveron dous corsarios franceses, un deles con 103 tripulantes e 10 canóns, non lle sendo permitido exercer o corso nestas augas. Posteriormente, neste mesmo verán de 1781, entraron de paso para as súas bases francesas, as fragatas daquela nacionalidade Terpsicore, Pondiechery e Curieuse, poderosamente artilladas, con algunhas presas de grande valor.
2 de setembro de 1781. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).