Ao amencer deste nefasto día, desembarcan os turcos na praia de Cangas, vila totalmente indefensa, que apenas contaba coa afouteza dos seus habitantes para oporse a aquela fera grea de mil homes, armados de mosquetes, lanzas e alfanxes. O desembarco produciuse despois dun intenso canoneo, que derrubou as modestas casas de pescadores que daban fronte ao mar. Os que puideron fuxir refuxiáronse nos montes próximos, pero grande parte da poboación foi vítima do rancor inimigo. Máis de cen persoas foron asasinadas e outras padeceron horribles mutilacións, en especial as mulleres. Un douscentos veciños foron feitos cativos, entre eles algúns nenos.
Os turcos penetraron na igrexa Colexiata, estragando canto atoparon ao seu paso; queimaron as sagradas imaxes, roubaron os ornamentos, racharon o reloxo e as campás, rascaron coas súas picas as pinturas dos muros, profanaron o Sagrario e, en fin, prenderon lume aos retablos. Milagrosamente, salvouse o Santísimo Cristo, xa que, ao parecer, os veciños o levaran ao comezar a invasión. Así polo menos, reza a versión poética coetánea á que fixemos alusión hai días:
A destrución da vila foi case total; máis de 150 casas, as mellores e máis abastadas, foron saqueadas e incendiadas, así como o hospital de Pobres do que roubaron os turcos todos os aparellos e roupas, queimándoo despois.
Na desesperada defensa de Cangas perderon a vida o capitán D. Pedro Costas Franco e o alférez D. Domingo Pérez Hurtado. Pode dicirse que todo aquel que non logrou fuxir a tempo foi feito prisioneiro ou asasinado, de modo que ao final deste terrible día, Cangas era un campo fumegante, sementado de cadáveres.
Non satisfeitos con aquela orxía de sangue, os turcos dedicáronse nos días sucesivos a percorrer a península do Morrazo, cometendo nas aldeas novos roubos, mortes e crueldades sen conto. Cando adiviñaron a chegada das milicias procedentes de Pontevedra, reembarcaron de présa e aínda realizaron un novo intento de pór o pé en terra, na praia de Samil, onde os rexeitaron as forzas do capitán D. Gregorio Vázquez Ozores.
9 de decembro de 1617. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)