A picaraña rompedora da nova vila tropezou máis dunha vez con restos arqueolóxicos que, por desgraza, a desidia menosprezou. Vigo podería contar hoxe cun acervo moi importante de restos céltico-romanos se todo se recollese, tal como nos nosos días tivemos a fortuna de rescatar o magnífico conxunto de laudas funerarias romanas, que hoxe se exhiben no museo municipal. Eis aquí unha noticia máis, esta xa so válida para a amarga cita:
“Segundo temos oído dicir nunha obra que se está a levar en San Gregorio, entre Bouzas e Vigo, descubríuse unha ou varias urnas de ladrillo como azulexos, cuxa remota data ninguén tratou de investigar, así como se é parte dun templo ou tumba de romanos, xa que quizais este descubrimento, recoñecido por persoas competentes, podería dar luz sobre o paso de Xulio César ás illas Cíes ou do tempo dos suevos en Galicia.”
“Mágoa grande será, en verdade, que tanto esté achado como outros equivalentes que se fan no desmonte para a rúa de Carral desta cidade, sexan tratados como entullo por ignorancia ou deleixo.”
“Trasladamos a noticia para evitar unha perda ou unha profanación arqueolóxica de moita importancia, ao parecer.”
Semella deducirse que o desenterrado en San Gregorio era unha sepultura de téguas de época romanas, semellante á que non hai moito descubrimos á beira da praia de San Francisco, en terreos lindeiros co antigo cemiterio de Picacho. En canto aos achados da rúa Carral, nada nos aclara Faro de Vigo, de onde a noticia é tomada. Sepulturas semellantes apareceron nas proximidades, segundo esta referencia de Rodríguez Elías: “No terraplén sobre o cal estaba a praza das Galiñas descubriuse, hai uns corenta anos ao se construír as casas da rúa da Gamboa con fachada á de Carral, un duplo sepulcro moi antigo, formado de enormes ladrillos de barro e dentro do cal había restos humanos”. (Faro de Vigo do 31-V-1918). No Areal foron frecuentes os achados de restos humanos, con ocasión de obras de cimentación e, en fin, nas trincheiras da estación do ferrocarril foron atopadas varias ánforas, unha das cales, grafitada cunhas siglas marcadas a punzón, consérvase no museo de Pontevedra. (Cfr. O noso traballo Hallazgo de estelas funerarias romanas en Vigo, en comunicación ao III Congreso Arqueolóxico Nacional, Zaragoza, 1953).
5 de decembro de 1879. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)