Por fin! Despois de tanto suspirar, en prosa e en verso, en medio do inmenso xúbilo popular e inusitada expectación, sae da estación ás 06:40 horas da mañá o primeiro tren de viaxeiros con destino a Ourense. A efeméride e unha das máis gratas na historia local, merecedora de ampla crónica retrospectiva, hoxe vedada á nosa pluma por esixencias de espazo.
Dezaoito anos duraron as obras e case vinte e cinco agardou Vigo desde o proxecto inicial para ver realizado aquel longo soño. O primeiro ferrocarril galego, o famoso «compostelán» de Santiago a Carril, inaugurárase o 15 de setembro de 1873, case oito anos antes que este de Vigo a Ourense. O tramo da Coruña a Lugo púxose en servizo o 10 de outubro de 1875 e a liña de Palencia-A Coruña inaugurouse o 1 de setembro de 1883 coa asistencia do Rei e o arcebispo de Santiago.
Na Ilustración Gallega y Asturiana publicáronse uns encantadores debuxos do tren, da multitude, das personaxes, que superan toda descrición. Deus mediante, volveremos un día sobre os fastos desta xornada, xa que tanto nos dá que escribir o ferrocarril. Ese ferrocarril que foi o grande tema económico nacional da segunda metade do século XIX.
18 de xuño de 1881. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Editorial Monterrey, 1960; Editorial Xerais, 2008).