Na embaixada de España en París asínase a escritura de cesión do pazo e parque de Castrelos ao pobo de Vigo por parte do seu propietario, o benemérito prócer D. Fernando Quiñones de León, marqués de Alcedo.
Era entón alcalde de Vigo o señor Espino, a cuxas discretas e intelixentes dilixencias se debe en grande parte a doazón de tan magnífica residencia e espléndido parque, orgullo da cidade, a cal soubo desde o primeiro momento valorar na súa xusta medida o xeneroso desprendemento do marqués de Alcedo. Vigo, á súa vez, obtivo a concesión da Grandeza de España a prol do ilustre aristócrata, en cuxas xestións apoiaron eficazmente á cidade os señores Calvo Sotelo e Martínez Anido.
Por Real Decreto de 1 de agosto deste mesmo ano, foi eximido o concello do pago de dereitos reais pola cesión. Non obstante, o goce pleno da súa propiedade non tería lugar inmediatamente por ser usufruto da marquesa viúva de Mos e de Valadares, Dª Mariana Wythe. O 27 de novembro de 1930 o concello tomou o acordo de xestionar a compra do referido usufruto, o cal tivo ao fin lugar o ano seguinte, asinándose a oportuna escritura de compra o 15 de decembro de 1931.
Desde este momento, Vigo contou cun parque sen igual, poboado de vellas e corpulentas árbores e un magnífico pazo, que se aprestou a converter en museo municipal, instalando nel a pinacoteca legada por D. Policarpo Sanz, incrementada con depósitos dos museos do Prado e de Arte Moderno, novas adquisicións, donativos e depósitos particulares. Ás salas existentes incorporouse en data próxima a da Historia Antiga, onde se exhiben útiles prehistóricos e romanos, unha interesante serie numismática e a singular colección lapidaria, tamén romana, descuberta na nosa cidade no ano 1953.
No parque de Quiñones de León instalouse o inigualable Auditorium (por que non Auditorium Martín Codax, o noso primeiro cantor?), onde Vigo concentra anualmente as mais altas expresións da arte escénica, en variada gama de primerísimos elencos internacionais. Fecundo foi pois, o xesto magnánimo do seu doador, cuxo busto preside a recortada graza dos xardíns.
12 de decembro de 1925. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)