O correxemento de Baiona, apoiado polo capitán xeneral marqués de Cerralbo, contrata cos comerciantes ingleses Duarte Beruel, Rafael Couper, Juan Altrape, Roberto Auble, Juan Bis, Roberto Saufforte, Fricarse Danes e Palos Vanin (o autor non responde da grafía), veciños de Londres, Bristol, Winchester e outras cidades daquel reino por si e no nome dos demais comerciantes ingleses, as condicións vantaxosas na que aportarán no sucesivo as naves daquela nacionalidade ao porto de Baiona, en exclusiva sobre os demais do litoral occidental de Galicia.
Despois de asinar o contrato reúnese o Consistorio da vila para obrigarse ao cumprimento e defensa do pactado “por razón que os propios ingleses antigamente acostumaban vir a esta vila coas súas mercadorías, e poucos anos a esta parte marcharan coa Contratación á vila de Vigo e Bouzas do cal esta vila tivera en diminución moita veciñanza, e atento ao susodito, a Súa Señoría entendera e tratara cos ingleses sobre a Contratación e fixéraos vir á vila de Vigo e Bouzas, onde estaban…”
Esta manobra prexudicaba a Vigo na mesma medida que beneficiaba a Baiona. Os rexedores vigueses apelaron con rapidez e os de Baiona non se durmiron sobre os loureiros daquel éxito inicial. “O 16 de setembro, o Consistorio acordou enviar un correo de a pé á Corte para que no nome desta vila contradixese o que a vila de Vigo reclamaba polo feito polo marqués de Cerralbo de facer vir aos ingleses coas súas naos e mercadorías, como o facían antigamente”.
Certos vellos privilexios amparaban a exclusiva de Baiona, no sur, e da Coruña, no norte, para recibir e despachar o comercio naval estranxeiro. O principal argumento de Baiona era que as Rendas reais sufrían grande perda, toda vez que en Vigo non existía Contadoría habilitada para a exacción, que por dereito pertencía a Baiona, a cal era de reguengo, mentres Vigo pertencía á mitra compostelá.
Vigo, naturalmente, perdeu a partida e a vila viviu longos anos de prostración naval, reducido o seu movemento portuario á pesca e pequena cabotaxe costeira, (Cfr, Herminio Ramos, Baiona antigusa e moderna).
9 de setembro de 1564. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).