Perante os seus fracasados intentos do día anterior, o almirante Drake quere dar un xiro conciliatorio á situación, xa que observou , por outra parte, que os reforzos armados acoden incesantemente a estas costas, chegados de Tui, Pontevedra, Salvaterra e Portugal.
“Ao día seguinte enviou Sir Francis Drake dous capitáns con bandeira branca para pedir parlamento ao comendador Pedro Bermúdez para tratar con el un negocio de moita importancia de parte da Serenísima Raíña de Inglaterra, a súa Señora; que á súa autoridade non lle conviña vir a terra e que lle pedía con instancia que fose verse con el a bordo da súa nave. Pedro Bermúdez respondeu aos enviados de Drake que el se atopaba en Vigo desde o día anterior agardando saber o que pretendía; que se viña para tratar algo, tamén estaba disposto a escoitalo. Pero que se á autoridade da Raíña de Inglaterra non conviña que Francis Drake viñese a terra para se ver con el, tampouco conviña á súa Maxestade o Rei D. Filipe II que o gobernador Pedro Bermúdez pasase a se ver con el no seu navío, aínda que era el máis humilde soldado que S.M.C. tiña. Con esta réplica volveron á armada os capitáns ingleses parlamentarios. Interveu na negociación D. Diego Sarmiento de Acuña, que axiña se había de distinguir polos importantes servizos que como embaixador do rei de España había de prestar máis tarde en Inglaterra e propuxo que se aceptase a entrevista que desexaba Drake; pero que a entrevista se fixese en dous barcos con seis capitáns no mar, no punto medio entre a armada e a praia. Así o aceptaron os ingleses e, feitos os preparativos, avistáronse dous xefes. Saudáronse Drake e Pedro Bermúdez, pero axiña o almirante inglés deu a entender que quería falar a soas e pasar ao barco de Pedro Bermúdez, pero este adiantouse e, tomando con el a Diego Sarmiento para que presenciase a negociación, pasaron ao barco de Drake e os capitáns ingleses pasaron ao barco de Bermúdez.”(J. De Santiago, op. Cit., páxs. 309-310)
Xa postos fronte a fronte, o gobernador de Baiona adiantouse ao uso da palabra para lle dicir ao seu contrario as súas queixas polo incendio e roubo da ermida de Baiona, pola captura no mesmo porto dun barco cargado de coiros e aceites, pola apropiación de barcos, redes e gandos en Guixar, etc. Drake, moi estrañado, replicou que el non sabía nada deses desaforos e que, en todo caso, eran obra de soldados indisciplinados que el non podía conter, tanto máis canto estaban xustamente indignados porque sabían que o gobernador tiña detidos en Baiona a uns indefensos comerciantes ingleses, moradores daquel porto. Bermúdez aceptou que os tiña a bo recado desde o momento no que a súa escuadra aportou a aquelas augas, en prevención de ter que empregalos como reféns. Coa hábil intervención do señor de Gondomar, chegouse ao fin ao acordo de que Drake devolvese todo o roubado en Baiona e en Vigo e que D. Pedro devolvería a liberdade aos comerciantes ingleses que voluntariamente quixesen regresar á súa patria na propia armada , e aos que non quixesen, quedarían facultados para continuar residindo na vila. En garantía das mutuas promesas, cambiáronse os reféns e así rematou aquela difícli xeira diplomática nunha fráxil lancha e no medio da nosa ría. Acaso foi esta a primeira lección que D. Diego Sarmiento de Acuña recibiu na súa longa e meritoria carreira de como era mester negociar cos británicos.
Despois as cousas volveron complicarse. Drake amosábase remiso a devolver o barco e os eu cargamento, mentres D. Pedro Bermúdez recibía continuamente reforzos, que ía dispondo estratexicamente ao longo da costa en prevención dun desembarco inoportuno do inimigo co que este, máis ou menos polo baixo, ameazaba. Ao fin, o trato quedou en augas de bacallau; foron devoltos os reféns respectivos e Drake, malhumorado e molesto, abandonou a ría o 21 de outubro, acaso xurando que había de volver. Claro está que volveu!
9 de outubro de 1585. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).