A rúa do Príncipe acaba de ser posta fermosa con elegantes farois de iluminación a gas. Pero as ambicións viguesas xa non se conforman e o Faro escribe:
“Di o Times de Londres que a compañía de vapores do Pacífico tomou o acordo de adoptar a luz eléctrica nos salóns dos seus vapores. Ai, cando a veremos nós nas nosas prazas e rúas?- Nin no ano 2000”.
Que pesimista!
Quizais o home da gaceta tivese o ánimo deprimido porque, proxectando en toda España grandes alegrías públicas co motivo da voda do Rei, este tivo a ben dispor que non se levase a cabo ningún festexo con cargo aos fondos públicos, provinciais ou municipais. Don Alfonso XII tiña o bo costume de amolar así as festas e xa, con ocasión da súa primeira viaxe a Galicia, prohibiu que se lle ofrecesen banquetes porque a nación non podía permitirse o luxo de tales estipendios. En consecuencia, o concello de Vigo tomou o acordo de suspender os festexos proxectados, en ocasión das nupcias reais, pero os edís decidiron custear por eles mesmos algunhas alegrías populares. E o cronista de marras sae ao quite:
“En Vigo no tendremos fiestas reales, ni músicas ni fuegos artificiales. Y, lo más duro, no saldrán ni gigantes ni cabezudos. Acaban de decirme que a última hora, festejar decidieron las reales bodas. No se hará mucho, pues saldrá de la bolsa de cada uno…
Os puntos suspensivos son nosos porque algo teriamos que pór. En canto ás seguidillas, supomos que servirán de letra para a danza popular con enxebre e limpamúsica de gaita.
28 de novembro de 1879. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)