Ás catro da madrugada embarcan sixilosamente nun vapor inglés, fondeado na ría, os principais responsables da sublevación militar, que durante 15 días tivo en vilo á cidade e cuxo fracaso foi debido a non ser secundada polas outras forzas da rexión.
Ás dez da mañá é izada de novo a bandeira nacional no castelo do Castro e demais fortes da praza. Os conxurados no movemento esparterista, despois de se veren abandonados polo xeneral Iriarte, decidiron entregar o poder civil ao anterior alcalde gobernamental, que a propia Xunta revolucionaria destituíra e encarcerara, Era aquel o marqués de Valadares, quen se fixo cargo inmediatamente da orde pública, dando tempo a que a nave que conducía aos revolucionarios levasen áncoras antes de comunicar o sucedido ao brigadier Cotoner, o cal se dispuña a sitiar a praza. Houbo en todo iso, como se advirte, certo trato recíproco de luva branca.
As forzas de Cotoner entraron en Vigo ao mediodía e aquí permaneceron até o 29 de novembro por se ter pacificado totalmente os ánimos. Cunhas ducias de mortos inútiles e varios “sisudo varóns” no exilio, quedou saldado o pronunciamento progresista de Vigo no ano 43. Non era o primeiro nin sería o derradeiro.
De todos os xeitos, aquel episodio tivo unha consecuencia de orde positiva, desde o punto de vista da bibliografía viguesa. En efecto, como xa temos apuntado, a cidade carecía entón dunha imprenta, por cuxa razón a Xunta fixo vir de Lisboa ao impresor José Araújo, o cal chegou a Cangas cos seus trebellos precisamente no instante no que máis comprometida era a situación dos revolucionarios. Querían estes a imprenta para publicaren as súas proclamas e instruccións, xa que, xogando coa paremia, ben podemos dicir que “o sangue con letra entra”. Non chegaron estas letras a tempo e Araújo tivo que vender a súa imprenta de campaña a D. Gabriel Román, regresando el a Lisboa. Román aumentou o seu equipo e, non atopando de momento actividade fixa a que dedicala, decidiu crear o xornal titulado El Gratis, que fai o número catro na sucesión cronolóxica do xornalismo vigués. A súa publicación tivo que comezar a fins deste mes e a súa vida sería efémera. Non puidemos conseguir un só exemplar desta xa arqueolóxica publicación viguesa, de cuxa existencia nos informa Murguía no seu inconcluso Diccionario de escritores gallegos. (Vigo, 1862). Por certo que aquel sabio e infatigable historiador considera a El Gratis como o primeiro xornal que existiu en Vigo, asegurando tamén que foi D. Juan Verea o primeiro impresor que se estableceu na nosa cidade no ano 1835, cuxo taller, non tendo atopado traballo, tivo que pechar ao ano seguinte, trasladándose o seu dono a Pontevedra”. (Op. Cit., páx. 26).
Posto que a autoridade de Murguía segue sendo vixente en tantos puntos importantes da historia galega, convén aclarar o seu erro, moi desculpable en quen, coma el, abarcou os máis diversos campos da investigación. No estado actual dos nosos coñecementos, a cronoloxía das imprentas viguesas até o ano que facemos descrición histórica, é a seguinte:
1822-23; Pascual Arzá. Editáronse nela as proclamas, Repartimiento e o Semanario Patriótico de Vigo, durante o primeiro período da capitalidade da provincia.
1835: Juan de Verea, segundo noticias de Murguía. Supomos que tería deixado algunhas follas soltas, prospectos publicitarios, de espectáculos, etc.
1840: Sebastián Iguereta. Publicou o Boletín de Vigo, O Catecismo histórico, de Santiago Filgueira, etc.
1843: José Araújo, que non chegou a traballar, substituído por Gabriel Román. Editou El Gratis.
11 de novembro de 1857. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)