Emprende viaxe a Baiona o escritor vigués José María Posada y Pereira. O que puidese reducirse a unha intranscendente nota de sociedade cobra categoría de efeméride por canto, froito desta viaxe, foi un curioso e xa raro libro, ‘Un paseo de Vigo a Bayona’, publicado en folletín polo Faro de Vigo. Nel Posada fai gala dos seus coñecementos históricos , aínda que o principal mérito do libro estriba no seu estilo animado e gorentoso, moi dentro dos canons posrománticos do xénero. A viaxe, naturalmente, fíxoa o autor en dilixencia. “Todo vai quedando atrás- di- sen que a velocidade do coche nos dea tempo a detidas observacións”. A estrada de Baiona, obra de Elduayen, tiña nese momento tres anos de existencia e non é raro que os cabalos fosen pegasos.
O libro de Posada abunda en páxinas de variado interese. Eis unha nota curiosa: “Dunha árbore prodixiosa déronnos hai pouco noticia os xornais, que sería un elemento de inmensas riquezas para o noso país, se nel se propagase o cultivo, xa que se aclimata perfectamente, como o pode demostrar o meu amigo D. Mariano Pérez, que hai 14 anos plantou na súa horta, preto de Vigo, na parroquia de Teis, e cuxa amabilidade non se nega ao que queira velo. É tan admirable o seu crecemento que, non tendo máis que tres cuartas de altura ao plantalo, ten hoxe en día 27, resultando medrar case dúas cuartas cada mes”.
Saben vostedes que árbore era aquela? O hoxe vulgar eucalipto, cuxo primeiro exemplar, segundo vemos, se trouxo a Vigo en agosto de 1865. De Australia trouxérao a Galicia o santo evanxelista tudense, frei Rosendo Salvado.
E, falando de letras, hoxe témonos excedido. Non todo teñen que ser espadas e canóns nesta pícara historia.
6 de outubro de 1866. Xosé María Álvarez Blázquez. ‘A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo’ (Xerais, 2008).