Falece na súa casa de Pontevedra o contraalmirante D. Casto Méndez Núñez, nacido en Vigo o 1 de xullo de 1824. O solar deste distinguido vigués era o famoso pazo, hoxe desaparecido, que pasou despois a ser propiedade da familia Cuesta, descendente da de Núñez. Nel viviu os seus derradeiros años a insigne escritora galega Concepción Arenal. Daquela casona, únicamente resta hoxe a balconada, que foi trasladada, con moi bo acerto, ao parque de Quiñones de León.
Méndez Núñez naceu e viviu en Vigo na casa da praza da Constitución, que ostenta na súa fachada unha placa que lembra a efeméride. “Méndez Núñez encarna e compendia a secular tradición navegante dunha raza. A atracción do mar foi nel tan temperá e vigorosa que, moi novo, ingresou na Escola de Náutica de Vigo despois de demostrar a súa afouteza salvando a dous nenos a piques de afogar na praia do Areal. Contaba entón dez anos o futuro heroe do Callao”.
Eran, sen dúbida, os presaxios dun destino glorioso…O 2 de maio de 1866, outro dous de maio na historia nacional, o xa almirante Méndez Núñez fixo fronte coa súa reducida escuadra aos 90 cañóns do Callao. Foi ferido gravemente nos primeiros instantes, pero a loita non se interrompeu. Aquela tardiña enmudecera o fogo inimigo; só tres canóns da fortaleza quedaban en pé. A escuadra española, acoitelada, mantíñase a flote. A honra e os barcos salváranse.
Cando o goberno quixo recompensar os seus servizos cun novo ascenso, Méndez Núñez opúxose nestes termos: “Rogo ao Goberno que considere que apenas hai sete anos me honraba con modestas chatarreiras de tenente de navío e para que eu poida ser útil á Patria non me é indispensable a concesión dun novo emprego, que só desexaría obter cando os novos servizos se fixesen dignos del”. Así era a tempero e a calidade humana do grande mariño vigués (J. Mª. E. Álvarez Blázquez, op. Cit. Páxs. 15-16).
O enterro de Méndez Núñez constituíu en Pontevedra un doloroso e impresionante acontecemento, cuxos detalles, coa cálida emoción do seu estilo, nos deixou D. Prudencio Landín nun dos máis logrados capítulos da súa obra De mi viejo carnet, tomo II.
21 de agosto de 1869. Xosé María Álvarez Blázquez. ‘A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo’ (Xerais, 2008).