Falece en Potosí, cando ía tomar posesión da sede arcebispal de las Charcas, no antigo reino de Perú, Frei Francisco de Soutomaior deica entón bispo de Quito. Nacera en Vigo, da antigo e nobre liñaxe de Santo Thomé de Freixeiro, arredor do ano 1560.
Ingresou na orde franciscana e fixo o noviciado no convento de Santa Marta, do que máis tarde foi Vixía. En 1622 foi nomeado Bispo de Cartagena de Indias e un ano máis tarde ocupou a sede episcopal de San Francisco de Quito, onde permaneceu cinco anos.
Deixou no seu testamento 110.000 reais de “a oito”(ou “patacóns”, moeda cuxa equivalencia en peso é aproximadamente a do “duro” de prata) con destino á erección dunha capela en Freixeiro, onde lle parecese ao seu irmán, frei Antonio de Soutomaior, confesor do Rei, que deberían ser colocados os restos dos seus antepasados. Na parroquial de Santo Thomé repousan as súas cinzas, traídas dez anos despois da súa morte, baixo a estatua orante que alí se ve no muro da Epístola.
Mandou, así mesmo, unha forte suma para dotar a cinco orfos pobres, “preferindo nesta dote as fillas dos criados que serviron e houberan servir a casa de Santo Thomé”, ou, no seu defecto, “fillas dos fidalgos pobres que foran da vila de Vigo, honradas e virtuosas”; outra manda fíxoa para “sustentar seis estudantes nesta forma; os tres deles que estuden as Artes na cidade de Santiago…” e “na Universidade de Salamanca outros tres estudantes Cánones e Leis… Quero e é a miña vontade que esta cantidade de alimentos se reparta entre estudantes fillos pobres da vila de Vigo e da vila de Bouzas”.(Cf. Terra de Fragoso, 366-68).
O nomenclator das rúas da cidade non rexistra aínda o nome deste prelado, fillo e bondadoso benfeitor de Vigo, cuxas mandas seguen en vigor.
5 de febreiro de 1630. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).