Falece no pazo dos Núñez, hoxe desaparecido, a insigne pensadora galega Concepción Arenal, viúva do avogado García Carrasco. Nacera na cidade Departamental o 31 de xaneiro de 1820. A cidade de Vigo, onde transcorreran os últimos anos desta muller excepcional, sentiu fondamente a súa desaparición, e soubo honrarse gardando as súas cinzas nun monumental mausoleo, á entrada da necrópole, obra do arquitecto señor Gómez Román.
Non é posible sintetizar en breves liñas a completa personalidade de Concepción Arenal, que tanta gloria deu da súa Galicia natal. Repetiremos algunhas palabras que lle dedicamos noutro lugar. “sabido é que Concepción Arenal, con Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán, forma a espléndida triloxía feminina coa que Galicia se honra diante do mundo no século XIX. Son tres almas de muller, exquisitas, sensibles, amorosas, compendio e suma das excelsas virtudes da muller galega, Concepción Arenal representa, nesta suprema triloxía do feminismo galaico, a santa virtude da Caridade.”
“Non é o seu pensamento poderoso e fondo, non son os seus escritos, os seus poemas, as súas novelas, o que máis vale nesta insigne muller; é, sobre todo, a súa obra persoal de apostolado social, as fatigas do seu corpo a prol dos menesterosos, a súa busca constante do infortunio, para remedialo cunha palabra de amor, de outra dávida non ter a man. Os escritos sociais de Concepción Arenal constitúen apenas un aspecto máis do seu labor físico, actuante, práctico e positivo a prol do desgraciado. Non mera especulación de gabinete ou erudita digresión, como as de tantos sociólogos ao uso. Concepción Arenal empezou por practicar en corpo e alma a caridade cristiana; se escribiu, ademais, sobre isto, foi porque o propio ardor da virtude non lle permitía silenciar o que dolorosamente viran os seus ollos”.
“As súas obras completas, nas que non se inclúen as poesías, novelas e gran número de artigos soltos, constan de vinte e dous volumes, repetidamente editados. Recordemos tan só, como libros exemplares, que transpasaron fronteiras e influíron nas doutrinas sociais do mundo, Estudios penitenciarios, Cartas a un obrero, La instrucción del pueblo, El visitador del preso e El pauperismo.”(Galerías de Gallegos Ilustres, Vigo, Ediciones Monterrei, 1956).
Vigo, que garda amorosamente os seus restos mortais, debería preocuparse por conservar no Museo Municipal algúns dos seus recordos persoais.
4 de febreiro de 1893. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).