Falece en Vigo, cando acadara a idade de cento tres anos, don Nicolás Granada Falcón, que supoñemos oriúndo da nosa cidade, aínda que nacera en San Cristovo, provincia de Salerno, no antiguo reino das Dúas Sicilias.
A longa vida militar deste personaxe é densa e sorprendente, pois pode dicirse que Granada Falcón foi testemuña e actor dos máis destacados feitos de armas na inqueda Europa napoleónica. Pola súa condición de siciliano, incorporouse ao exército francés do xenio corso, co que fixo a campaña de Alemania . Interviu na batalla de Austerlitz e Xena; foi ferido o 2 de maio de 1808 en Madrid, formando nas filas do invasor; asistiu á campaña de Moscova e a súa tráxica retirada; na batalla de Leipizg deu morte a sete cosacos e, en fin, foi un dos vencidos en Waterloo.
En 1818 retirouse do servizo, abandonou a súa adoptiva patria francesa e residiu algún tempo na Coruña. Pouco despois veu a Vigo onde contraeu matrimonio e medrou, lonxe xa os seus ardores bélicos e aquela alucinante marcha sobre o mapa europeo, entre sangue, po e fume. Tamén en po e fume esvaecéranse as soñadas glorias. Tan atrás quedaran, que cando Napoleón III lle ofreceu máis tarde unha pensión de 20 reais diarios e un destino no cuartel de Inválidos, de París, don Nicolás Granada renunciou a aqueles restos de esplendor, queda xa a súa existencia e remansada a súa vida na pacífica e fecunda paisaxe viguesa.
Mágoa que en tan dilatada existencia, Granada Falcón non tivera tempo de deixarnos o agasallo das súas memorias.
7 de xaneiro de 1882. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)