Don Fernando II de León, atopándose en Celanova en unión do rei portugués concede ao mosteiro cisterciense de Melón a ermida de Santa Uxía, con seus terreos á beira do mar, en Vigo. Esta ermida foi despois convento de franciscanos baixo a advocación de Santa Marta, sobre o Berbés.
Como fai notar o historiador da nosa cidade José de Santiago, este foi o primeiro paso do cenobio de Melón para a total posesión do realengo de Vigo, que o propio monarca outorgou dezaseis anos máis tarde, en outubro de 1176, con xurisdicción civil e criminal.
Por dito novo privilexio rodado, pasan a pertencer aos monxes de Melón “illud meum Regalengum, quod dicitur de Vigo, per omnes terminos suos antiquos”, cos seus pasteiros, montes, fontes, ríos, pesqueiras, etc. Vemos, por tal documento, que xa no século XII Vigo contaba con algún sistema de murallas e fortalezas.
O mosteiro de Melón posuía, dende 1158, unha extensa posesión no val do Fragoso, chamada As Condomiñas, por doazón que dela lles fixera a Condesa dona Fruila Fernández, cuxo solar estaba sen dúbida nesta comarca. (Véxase o 4 de maio).
5 de xaneiro de 1160. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)