Durante a pasada noite e todo este día prosegue a infausta batalla naval de Rande. Eis como conclúe o relato Ávila y Lacueva:
“Os que seguiron as naves da flota até o máis baixo da ría (vencidos xa os franceses que facían fronte) pretendían apagar o incendio pola ambición da presa porque D. Manuel de Velasco, a quen non desamparou o valor senón a fortuna, mandou queimalas; isto mesmo fixeron os franceses facéndose ao mar a xente que salvarse puido. Os inimigos non coidaban senón de apagar as chamas, aínda que vían que a maior parte das mercadorías se botaran ás augas. Moitos pereceron buscando no centro do lume as riquezas; estes e os que morreron na batalla foron 800 ingleses e holandeses, 500 quedaron feridos e unha nave de tres pontes inglesa incendiada, pero tomaron 13 naves españolas e francesas entre ellas 7 de guerra e 6 de mercadorías, aínda que moi maltratadas e medio queimadas algunhas: a maioría botáronnas a pique ou entregáronas ás chamas no ardor do combate. Morreron nel da nosa parte 2.000 homes entre españois e franceses e poucos deixaron de estar feridos. Sucedeu esta fatal desgraza desde a tarde do 23 que, foi o principal combate, até o 24 de outubro do presente ano. Valentemente portáronse os xefes da armada inglesa e holandesa, Ormond, Halemund e Colemberg, os cales foron vistos pelexar pola súa propia man no máis estreito risco. Non menos esforzados, aínda que menos felices, foron mons. Chaternau (sic) e o señor Velasco. Presumiron aqueles de que o valor do apreixado subía da suma de catro millóns de pesos, pero díxose que máis de oito é certo que perdeu o comercio de Cádiz onde quedaban ocultamente incluídos os mesmos inimigos a así non era todo alleo o que tomaron e botaron a perder. O Rei perdeu máis que todos, non só por non lle quedar navíos para as Indias e no que había de percibir das Aduanas se se introducían todas as mercadorías, xa que foi preciso valerse de naves francesas para o comercio con América, que foi a ruina dos seus intereses e dos seus vasalos.”
Segundo os cálculos do historiador vigués Rodríguez Elías, que compulsou numerosos testemuños coctáneos, na enseada de San Simón atópanse somerxidas vinte e oito embarcacións, das que unhas dez eran galeóns de carga. Outro máis afundiuse á altura das Cíes cando estaba a ser remolcado pola flota inglesa.
O lector que desexe coñecer algún detalle deste apaixonante episodio, atopará na obra do citado autor La escuadra de plata (Vigo, Tip. Faro de Vigo, 1935), materia abondosa para un caviloso tecer e destecer aritmético.
24 de outubro de 1702. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)