Neste edificio do número 29 da Praza de Compostela, de Vigo, viviu Francisco Fernández del Riego (1913-2010), unha das figuras máis destacadas da cultura galega do século XX e principios do XXI. Era licenciado en Dereito e foi profesor axudante de Dereito Civil na Universidade de Santiago de Compostela. Ao rematar a guerra civil española instalouse na cidade de Vigo, onde permaneceu o resto da súa vida.
Del Riego foi escritor, participou na política, e tamén foi un dos impulsores da Editorial Galaxia, en 1950, xunto con Jaime Isla Couto e Ramón Piñeiro. Foi membro destacado do Partido Galeguista, que reorganizou en 1943, tamén foi membro do Seminario de Estudos Galegos e presidente da Real Academia Galega. Participou na dirección da revista Grial, e foi o impulsor do Día das Letras Galegas (17 de maio), co nomeamento dunha figura galega cada ano, celebración que comezou no ano 1963 coa distinción a Rosalía de Castro.A lingua e a cultura galega non serían o mesmo sen a súa contribución, e resulta interminable a lista de premios que lle foron concedidos, entre eles o de “Galego egrexio”, distinción concedida pola Fundación Premios da Crítica Galicia. No ano 1995 doou a súa biblioteca á cidade de Vigo, o que actualmente é a Biblioteca Francisco Fernández del Riego.