Frei Antonio de Soutomaior, aquel insigne purpurado que tanto lustre deu ao seu apelido e a cuxas expensas foi erguido o fermoso pazo de Santo Tomé, sen dúbida ningunha a máis nobre mostra de arquitectura civil que hai no termo municipal, escribe desde Madrid ao seu sobriño D. Plácido de Sequeiros:
“Non me responda con palabras senón con facer o que todos suplicamos. Fixo moi mal en vir aí o inverno, eu penso que o fixo por non ver derrubar unha casa que tan ben lle parecía como a de Santo Tomé, pérdalle a mágoa que moito vai gozar cando vexa a que se fai, que eu agardo que vai gozar moitos anos, mentres Deus nos dea de vida, e despois moito da súa gloria como eu agardo no noso Señor!”.
Aquela obra enchía de gozosas preocupacións ao confesor do rei, xa que a súa maciza e harmoniosa fábrica tardou varios anos en verse culminada. Así, o 17 de marzo de 1963 aínda falaba dela frei Antonio a D. Plácido: “Hoxe recibo carta de Vosa Mercé na que di que está ocupado en adiantar a obra da casa, que me parece forzosa aínda que non a vaia a gozar. Os custes non son poucos porque a miña costela non é tan valente. Todo o que vosa mercé me escribe paréceme ben, agás o da torre vella, que me semella que o mellor que ten é ser vella e que non pareza que nós a edificamos”, (Cfr, Cartas familiares de Fr. Antonio de Soutomaior, confesor de Filipe IV, cunha introdución biográfica de D. Casto Sampedro; Museo de Pontevedra, II, 47-67).
Sobre este palacio, cargado de historia e de suxestivas tradicións populares- festa da Pastora, procesión dos entangarañados, danza da regueifa, etc- escribiuse non pouco, pero nada tan axustado como o que o seu actual posuidor, D. Xavier Ozores Pedrosa, di en Los pazos gallegos, obra escrita en colaboración co marqués de Quintanar e con D. José Cao Moure. “É o pazo de San Tomé unha das casas galegas máis típicas. Chamouse antigamente Torre de Busteu e foi o seu señor D, Pedro Álvarez de Soutomaior (Madruga), conde de Camiña, de quen pasou a súa filla dona María Sánchez de Benavides , ao casar con D. Juan de Sequeiros , cabaleiro portugués que veu axudar nas súas guerras co turbulento personaxe que tanto enche a historia de Galicia cos seu brazo e os seus cartos.”
“Trouxo o Sequeiros e uniuse con Santo Tomé, a súa casa portuguesa, Torre da Silva (fundada no 1191) da que proceden moitas das grandes casas de España… Foi reformado Santo Tomé por D. Antonio de Soutomaior, arcebispo de Damasco, inquisidor xeral, confesor de Filipe IV, do seu Consello de Estado e o seu irmán D. Francisco e o seu sobriño D. Diego de Zúñiga, persoas de conta, no ano 1638 no que segundo reza a inscrición da fachada mandou restaurar e aumentar este palacio e casa dos seus pais”.
É evidente que a data citada corresponderá ao remate do principal da súa reforma, xa que, como vemos, en 1623 derrubábase a súa antiga morada. Do mesmo xeito, con posterioridade ao 1638, pese a que as súas costelas (como el di donosamente) non estaban para tanto as cousas.
“Posteriormente- infórmanos o sr. Ozores- tivo tamén aumentos esta casa, algúns importantes, como foron os que mandou facer o conde de Priegue, D. Juan Nepomuceno Ozores, brigadier dos exércitos reais, ao regresar da guerra da Independencia en 1815 no que construíu o claustro posterior, o claustro-solana do xardín do conde e a capela, baixo a que naquela época estaba a advocación da Pastora…. Existen en santo Tomé varios cadros e obxectos antigos de interese e un rico arquivo con documentos moi interesantes para a historia de Galicia, entre eles sesenta e catro cartas confidenciais de puño e pulso do rei Felipe IV ao seu confesor frei Antonio de Soutomaior…”(Cfr. AA. E op. Cit., fascículo I).
8 de novembro de 1623. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)