Os pactos e ordenanzas que rexían a pesca na nosa ría –dalgún dos cales temos dado conta polo miúdo nestas páxinas- non foron bastantes para impedir que, de cando en vez, se producisen graves incidentes e discordias entre pescadores de distintos portos, sen dúbida fomentados por celos e pretensións localistas. Nesta data, Juan de Vilariño, Juan Guerra e Juan Franco, veciños de Cangas, Alonso Vidal “atalieiro” do cerco chamado Pichela, Francisco de Souto, Gregorio Vidal, Diego de Medina, Juan Vello e Pedro Gago.
Na querela presentada polos primeiros, manifestan que se atopan “en posesión e costume desde tempo inmemorial a esta parte, eles e os seus anteriores veciños que foron da terra de Morrazos, de marear e pescar, así na ría de Aldán e nas rías de Vigo e Pontevedra coas súas sacadas e cordas e palangres e aos polbos e con betas e redes sardiñeiras e outros aparellos da mar en vista, face e paz dos reos acusados e dos seus antecesores e dos máis veciños da vila de Cangas: o xoves próximo pasado que forn e se contaron trinta días do mes de outubro… os nomeados AlonsoVidal e consortes sobre o acordo e consello e por forza e contra a vontade (dos demandantes) estando eles…no mas e tendo botada unha sacada na área de Vilariño sen facer con ella dano aos que mareaban nin a persoa ningunha e tendo na sacada unha redada de sardiñas que valían máis de vinte ducados, favorecéndose os uns aos outros, tendo … a pesca case fóra, soltaron con iso con diabólico e por forza cortáronlles as redes en anacos, tirándolles moitas pedradas…”.
Na información que abren os de Aldán se esclarece que estes estiveron sempre en posesión de pescar así ao oficio de sacadas como ao do xeito e polbos e combetas e outros oficios de todo xénero pescando o congro nas rías de Vigo, Cangas, Aldán e Pontevedra”.
Pero os de Cangas retrucaron que, despois das súas acordanzas, compete a eles a facultade de vedar os lugares onde acostuman por as súas sacadas. (Véxase Museo de Pontevedra, III, 69-72).
30 de outubro de 1561. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)