Moitos vigueses lembrarán aínda que Vigo tivo un avión militar, ostentando o nome da cidade, na guerra de África. Pero a maior parte ou o esqueceron xa ou nunca o souberon. Para eles será oportuno esta lembranza.
Coa asistencia dos Reis de España, o ministro da Guerra, don Juan de la Cierva, outros membros do Goberno, e, pola comisión pro avión ‘Vigo’, o tenente coronel, D. José Fernández González, D. Eladio de Lema y Marina, D. Manuel Otero Bárcena, D. Alfredo P. Viondi e D. Francisco Gómez, ten lugar neste día, no aeródromo de Cuatro Vientos, a entrega oficial do referido avión, comprado por subscrición popular aberta na nosa cidade.
Eis a acta que rexistra a destaca efeméride:
“No aeródromo militar de Cuatro Vientos e en presenza das Súas Maxestades e Altezas Reais e con asistencia dos señores que á marxe se expresan, procedeuse á entrega ao servizo de aeronáutica militar pola comisión da cidade de Vigo do aeroplano que por subscrición popular e patriótica regala aquela ao exército, sendo madriña do avión a Súa Maxestade a Raíña dona María Cristina, representada pola Excma, señora marquesa de Comillas, bendecíndoo o ilustrísimo señor bispo da diócese de Ávila e recibindo o aparato o nome de Vigo”.
“E para que conste asinan a presente os señores mencionados en Cuatro Vientos a dezanove de outubro de mil novecentos vinte e un”.
Nacera a idea de adquirir o aeroplano a raíz dun chamamento que fixo aos españois o Ministerio da Guerra, xa que o erario público se atopaba en precaria situación e a guerra de África esixía un enorme esforzo económico. O tenente coronel, D. José Fernández González, publicou unha carta en Faro de Vigo, achegando as primeiras 100 pesetas para o avión que había de levar o nome da cidade. Don Leopoldo Agrelo Martínez engrosouna inmediatamente con 1.000 máis e, aos poucos días, a subscrición pasara a cantidade necesaria para a compra, xa que alcanzou a suma de 42.000 pesetas, mentres que o aeroplano Vigo únicamente custou 34.000. Comezara o día 12 de agosto e o 4 de outubro o Ministerio da Guerra comunicaba ao alcalde, D. Ceferino Maestú, que o avión estaba xa en España e listo para a súa entrega.
As 8.000 pesetas que sobraron da subscrición foron entregadas a unha Xunta de damas, que se constituíra en Vigo para enviar roupas e víveres aos soldados do rexemento Murcia, pouco antes despedidos no noso peirao por toda a poboación. E un pregúntase: cal foi a historia bélica daquel avión Vigo? Quen o pilotaría? Onde irían parar os seus xa lendarios restos? Non sería difícil que algún día a casualidade nos deparase noticias sobre a vida e voos do noso avión.
19 de outubro de 1921. Xosé María Álvarez Blázquez. ‘A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo’ (Xerais, 2008)