Domingo, catro da tarde. Día de outono radiante. Quietude cidadá sen ruidos de carros ni baralleiros pregóns. Compracencia nas facianas. Honrada tea artesá. Lecitas e chisteras. Andar calmo e repousado. Expectación nas rúas.
Inauguración oficial da Escola de Artes e Oficios Municipal de Vigo. Na cabeceira do estrado, don Eduardo Chao Fernández, presidente honorario de La Cooperativa, sociedade de modestos artesáns, iniciadora e propulsora da creación da Escola. Con el ocupan lugar de honra os señores Santos e Bárcena, directores efectivo e honorario do centro. Á dereita, Corporación Municipal e autoridades: á esquerda, claustro de profesores. Público heteroxéneo.
Despois dunhas palabras de saúda e gratitude, pronunciadas polos directores, le o señor Chao unha concienciuda memoria da que son estes parágrafos:
“Quen coñeza as orixes desta Escola, poderá dicir unha vez máis que as ideas xerminan como as sementes. Esparéxeas ao vento quen cre preparada a terra para fecundalas no seu prolífico seo e, con frecuencia, ou porque a sementeira non é oportuna, ou porque o campo non foi ben aboado, ou porque a semente non era sa, a colleita falta. Pero a miúdo sucede tamén que no medio dun terreo, saíndo á luz do sol, xorde o inesperado brote daquela semente malograda. Cantos en Vigo dende que é vulgar o convencemento de que o benestar e a prosperidade dos individuos e as familias e o progreso dos pobos dependen da súa instricción e o seu carácter, non tenían falado da conveniencia de perfeccionar a aptitude dos nosos enxeñosos artesáns nunha Escola de Artes e Oficios?…”
“Son verdadeiramente incompatibles o home industrial e a máquina ou, noutros termos, a existencia económica individual e o progreso das sociedades? É posible a competencia entre o productor individual e o colectivo, entre o modesto taller e a grandiosa fábrica? Cales son as relacións entre o traballo e o capital? Como, a intervención da lei nelas? Problema complexo, inmenso, como non o teñen coñecido as idades e que, ao noso xuízo, irá resolvendo, parcial e sucesivamente, o instinto da propia conservación que ás sociedades, como ao homes, guía e os inesgotables recursos da civilización. Non desesperemos, non. As feridas que a Ciencia fai, a mesma ciencia cúraas, que fora sacrílego pensar que nos dese Deus a razón só para o monstro do mal…”
“Será esta Escola o complemento da instrucción primaria; complemento que, como dicimos noutro lugar, fará máis perfecto e doado, fecundo e productivo o seu traballo; que excitará e levará o espítito de empresa cara aos elementos da nosa adorada Galicia, contribuíndo para a emancipar do estranxeiro; que poñerá en relación de cultura coas demais clases sociais estoutra, a máis numerosa e até agora a máis desatendida polo Estado; e que a dignificará, colectiva e individualmente, alcanzando da sociedade as consideracións que no noso século se tributan espontáneamente ao traballo intelixente e honrado.”
Daquela fecunda semente e destas palabras proféticas de Eduardo Chao, non poucos vigueses dos nosos días poden dar fe. O pantasma do maquinismo non os arredou e na Escolas aprenderon a se familiarizaren coa máquina para a faceren despois vehículo de altas empresas industriais.
26 de septiembre de 1886. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).