Coincidindo coa 47 edición dos Premios da Crítica de Galicia, e logo da entrega de premios, homenaxeouse ao polifacético pintor Antón Pulido co gallo do seu oitenta aniversario. O evento tivo lugar no auditorio de Afundación, totalmente cheo, e con Mariana Fernández Carballal como condutora do acto dividido en dúas partes; unha primeira adicada á entrega de galardóns, e outra centrada na homenaxe a Antón Pulido.
Como resumo da primeira parte é preciso destacar que no apartado de Creación Literaria o premio foi para Chus Pato coa súa obra “Sonora”. En Investigación en Ciencias e Tecnoloxía o premio foi para BMPR2; en Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades foi para Nomes e Voces; en Música, para Orquestra Vigo 430; Iniciativas Culturais e Científicas, para o programa Efervescencia; Artes Plásticas para Almudena Fernández Fariña; Artes Escénicas para Tanxarina; Cine e Artes Audiovisuais para Jaione Camborda; Cultura Gastronómica para a Feira do queixo de Friol e pan de Ousá; e no apartado Cultura Dixital o galardón foi para Café Derby 21.
A segunda parte foi iniciada polo escritor Modesto Hermida, amigo persoal de Antón Pulido, a quen lle adicou unhas sentidas verbas. O seguinte foi o Cuarteto Caramuxo —un cuarteto de seis compoñentes— que lle adicou unha composición realizada polo propio fillo do homenaxeado. A continuación, o pintor Antón Sobral entregoulle como agasallo unha das súas pinturas e a filla de Pulido, María Xosé Pulido, adicoulle tamén unha das súas obras.
Finalmente falou o protagonista do acto, Antón Pulido, agradecendo con emoción o agarimo de todas as persoas presentes e incluso de moitas outras que non puideron acudir persoalmente ao acto e demostrando, unha vez máis, o seu extraordinario sentido do humor, a súa inmensa humanidade e o seu sentido da amizade.