O rei Alfonso XII asina un decreto, aprobando un crédito supletorio para a condución de augas potables ao lazareto de San Simón. A falta de auga naquela illa facía moi gravoso o servizo da súa condución, sendo, por outra parte, tan necesarias para os fins sanitarios do lazareto. Don Manuel ofrecera ao goberno o rico filón de auga existente nos terreos da súa propiedade, fronte á illa, e someteuse o proxecto á aprobación do Director Xeral de Sanidade e Beneficencia, o señor Aldecoa, en ocasión dunha viaxe deste a Vigo, no verán do mesmo ano.
O ofrecemento foi aceptado e, unha vez aprobado o crédito necesario, as obras da condución saíron a poxa o 12 de xaneiro de 1881. Inmediatamente, comezou a súa execución, que tivo que sufrir demoras polas naturais dificultades do tendido e certas dilacións no libramento das cantidades destinadas á traída. Finalmente, no verán de 1884 foi inaugurada a condución de auga potable ao lazareto.
Nesta ocasión viñeron a Vigo, acompañados do señor Elduayen, os destacados nomes públicos de Cánovas del Castillo e Romero Robledo para coñecer directa e persoalmente os problemas que afectaban ao desenvolvemento económico da cidade. Concluíuse entón o ensanche da estrada de Vilacastín, no pedazo comprendido entre a rúa do Príncipe e a estación do ferrocarril, isto é, a actual rúa de José Antonio, mentres se aprobaba o proxecto da Travesía para enlazar as estradas da Guarda e Pontevedra.
21 de decembro de 1880. Xosé María Álvarez Blázquez. ‘A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo’ (Xerais, 2008)