Por un extracto que leva esta data, existente no arquivo familiar de D. José Ramón Fontán (quen amablemente nos facilitou copia del), vimos coñecemento dun incidente sucedido en Vigo polo mes de marzo do ano do que falamos. Foron protagonistas dous fidalgos veciños e aínda que o sangue non chegase á ría, semella adiviñarse que, tras as persoais liortas, acaso palpitaban pugnas de maior entidade.
Dise neses papeis “que mandando don Gregorio de Pazos Figueroa y Andeiro, Capitán da milicia de Vigo, que Martín de Herrera, veciño de Vigo, saíse cun mosquete aos alardes e gardas do areal de Coia baixo as ordes de D. Gregorio de Pazos, resistiuse don Martín, alegando ser fidalgo descendente de tales, de casas solares coñecidas e por tales foron tidos os seus antepasados, así na Coruña como noutras partes nas que habitaron e que igualmente el non estaba alistado baixo a bandeira de D. Gregorio, senón ás ordes de D. Francisco de Almeida, cabo da tropa daquel partido, como o estaban os demais fidalgos daquel distrito. Todo isto presentouse Martín de Herrera a Francisco de Almeida quen ordenou a D. Gregorio que non molestase máis a Martín. Instou o capitán D. Gregorio no seu intento, querendo prender a Martín, rodeándoo para isto a casa de arcabuses, mosquetes e picas, ao que D. Francisco de Almeida quen, por condescender e sosegar a D. Gregorio, deu unha casa para cárcere de D. Herrera até que viñese a decisión do Capitán Xeneral do reino a quen remitiu o feito e a quen tamén acudiu e apelou D. Francisco de Almeida con copia dos autos e un certificado dado por D. Francisco de Almeida de como no tempo que este era cabo daquel partido se servira sempre Herrera entre os fidalgos e con preeminencias de tal nas ocasións que se ofreceran contra os inimigos. Logo presentou petición Herrera para a súa liberdade a D. Francisco Almeida quen mandou soltalo do seu cárcere só por evitar escándalos entre Herrera e Pazos Figueroa. Acudiuse ao Capitán Xeneral, de cuxa orde sacou testemuño Herrera e o seu contido en resume é: que D. Gregorio de Pazos fixo mal en non obedecer a D. Francisco como o seu súbdito polo que escribe a aquel como se ten que comportar no sucesivo; e a D. Francisco encárgalle que procure non parar sobre cousas de pouca entidade para que non se paralice o Real Servizo; que Herrera siga sen novidade como até aquí aínda que é xusto que el e os demais fidalgos vaian aos alardes e gardas, xa que así cesarán as súas preeminencias, tendo que facerse cargo que, a maior é facer aprecio das armas”.
Non pasou de aí a rifa. Os Pazos e Figueroa eran xentes de tradicional arraigo na vila, onde ocupaban cargos distinguidos. Acaso esta situación de privilexio aconsellou a D. Gregorio en mala hora saír dos seus cabais co motivo de calquera animadversión persoal. Pero D. Martín de Herrera tamén era fidalgo e, por suma, tiña un xefe propio no cabo de milicias, D. Francisco de Almeida.
A rifa puido complicarse e Vigo ser outro Verona sen o bo xuízo do capitán xeneral, o duque de Ciudad Real. Respecto ao lugar no que estivo prisioneiro D. Martín de Herrera, por uns días, semella que foi a antiga torre de Santo Tomé onde , mais que reo encarcelado, sería fidalgo hóspede.
18 de novembro de 1625. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)