Faro de Vigo conclúe a publicación dunha serie de artigos que, co título común de Recuerdos, fan un resumo do labor a prol do progreso de Vigo, realizado ao longo de case corenta anos, polo deputado do distrito don José Elduayen e Gorriti, marqués do Pazo da Mercé e Fillo Adoptivo da cidade, a quen se ía erixir entón a estatua existente na Avenida de Montero Ríos.
“Habemos convir- dicía o decano- que a grandeza do testemuño que se prepara non supera en forma nin maneira ningunha a virtualidade, importancia e significación dos merecementos que o informan.”
“Suple nesta ocasión ao desexo a forma en que o tributo se realiza, a significación do agasallo rebasa, sen dúbida, o límite da satisfacción que o seu nobre espírito puidera soñar o personaxe agradecido; febre que preside o desenvolvemento do proxecto, o entusiasmo con que se leva a termo, a satisfacción xeral con que a idea foi recibida, todo isto suple e compensa a pequenez do valor material do recordo.”
“Aquí a significación do testemuño é o máis fermoso; non vale o que costa o tributo, vale o simbolismo que encerra, a representación que ostenta.”
“Nós non podemos tampouco menos de aplaudir a conducta da representación xenuína do pobo de Vigo, composta de oito concelleiros conservadores, sete fusionistas e catro republicáns; e ao expresar así os nosos sentimentos, agardamos que, impulsados polos traballos cos limiares expostos, non tardará moito tempo en que esta cidade vexa erguido o monumeno que dedica ao ilustre home público señor Marqués do Pazo da Mercé.
O acordo de erixir a estatua fora tomado polo Concello o 26 de decembro anterior, encabezando a subscripción popular con 15.000 pesetas. O iniciador da idea fora o vello concelleiro don Lencio Villavicencio. En pouco a suscrición acadou a suma de 46.687,40 pesetas e nela participaron 3.642 suscritores, non só de Vigo senón de toda Galicia. As 15.000 pesetas achegadas polo Concello fóronlle reintegradas por innecesarias. A primeira pedra do monumento foi colocada solemnemente o 19 de marzo de 1896.
“Pronunciou vivamente impresionado, frases entusiastas o vello exconcelleiro, iniciador do pensamento, don Leoncio Villavicencio, e falaron tamén con grande elocuencia o alcalde señor Astray Caneda e o prior da Colexiata señor Sánchez Patiño, resumindo os discursos o mozo e ilustradísimo gobernador civil da provincia señor González Besada. Todas as frases destes oradores tendían a sancionar a homenaxe por Vigo rendida a Elduayen, enumerando a serie incalculable de bens que nos concedeu”.(N. Taboada Fernández, Estudio biográfico – político de Excmo. Sr. José Elduayen, Vigo, 1896, p.99).
A estatua obra do escultor Vicente Querol e do arquitecto Jenaro de la Fuente foi inaugurada o 23 de agosto de 1896.
13 de xaneiro de 1895. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).