É nomeado polo pobo Gobernador da vila de Vigo o capitán de navío retirado, don Juan de Villavicencio y Puga, a quen tamén se lle confire a partir deste día o cargo de Comandante Xeneral das provincias de Santiago e Tui, na dramática ocasión de atoparse o territorio baixo o dominio francés e gravemente ameazada a nosa cidade.
Esta decisión tomada polo pobo, ante a apatía ou o temor dos concelleiros, foi adoptada en razón de non haber na vila xefe militar ningún en activo. Villavicenco era home querido polos vigueses, que coñecían a súa enteireza e patriotismo. Cóubolle a el a triste sorte de asinar a capitulación de Vigo, mais é de xustiza recoñecer que o fixo en condicións moi honrosas.
24 de xaneiro de 1809. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).