A Asociación Veciñal Cultural Casco Vello de Vigo seleccionou este ano un cartel de José Luis Ruibal García co nome «O espíritu da Reconquista» como gañador do concurso. Os accésit foron para «Reconquista Feminista», de Marcos Montiel Reinoso, e «Cara a cara», de Rocío Casasempere.
O novo cartel foi presentado este mércores no Concello polo presidente do colectivo veciñal, Xosé Manuel Veiga, e o alcalde, Abel Caballero. A festa celebrarase esta vez o 2 e o 3 de abril para non coincidir coa Semana Santa, feito que destacaron os organizadores.
«Queremos que veñan todos os vigueses e os veciños da comarca e por eso evitamos que coincidan coas vacacións de Semana Santa», apuntou Veiga. Pola súa banda, o alcalde sinalou que o cartel representa «a historia e a modernidade de Vigo» e animou a todos os vigueses a participar na festa.
O cartel escollido ten un premio de 1.000 euros, mentres que os dous accésit 200 euros. Presentáronse un total de 23 propostas ao concurso. Aquí tedes unha selección coas últimas obras elexidas para a Reconquista en anos anteriores.