Por Real Decreto desta data concédese o título de conde de Torrecedeira a don Manuel Bárcena y Franco. Foi senador do Reino, con antigüidade de 15 de decembro de 1890.
Este ilustre vigués foi bautizado na parroquial de Santa María o 27 de agosto de 1837 e era fillo dunha fidalga familia. O seu avó, don Bernardo Bárcena da Concha, instou executoria de nobreza, que lle foi librada, previa información correspondente, pola real Chancelaría de Valladolid no ano 1795. Ademais, o pai de don Manuel Bárcena fora subtenente do Rexemento provincial de Tui, en calidade de voluntario.
Débese ao conde de Torrecedeira unha fecunda actividade a prol da súa cidade natal. Sendo alcalde de Vigo, patrocinou a iniciativa de creación da Caixa Municipal de Aforros e Monte de Piedade, cuxo primeiro edificio levantou a súa tenza; é obra maxistral do arquitecto Jenaro de la Fuente. O señor Bárcena tiña casa de banca propia e, como coñecedor da materia, non vacilou en dotar á cidade dunha entidade crediticia e de protección social. Esa entidade adquiriu a maior solvencia e fecundo potencial económico. Polo tanto, para que aquela puidese ser realidade, prestou don Manuel Bárcena vinte mil reais, sen intereses durante un ano, que permitiron á nacente entidade desenvolverse con autonomía nos seus primeiros tempos.
Espléndida residencia na rúa Real
O conde de Torre-Cedeira, que posuía unha espléndida residencia no vello corazón de Vigo, no centro da rúa Real, é unha figura prócer viguesa, que se lembra con veneración. Políticamente militou nas filas canovistas, mais a súa única mira política foi a do engrandecemento da súa cidade. Non houbo iniciativa xenerosa ou de signo progresista á que non se dedicara con entusiasmo.
Senador e distincións
Como dixemos, ocupou o cargo de senador pola provincia de Pontevedra e estaba en posesión da Gran Cruz de Isabel a Católica, a de Comendador de Carlos III, a de San Olaw e a de Cabaleiro de Cristo de Portugal.
Aprendizaxe das finanzas
Apegado ao seu chan patrio, ao que se reintegrara tras a súa mocidade de estudo e aprendizaxe das finanzas, non quixo abandonalo cando lle ofreceron oportunidades de obter altos postos políticos, que acadaría doadamente dada a súa amizade co xefe do partido Conservador, con Romero Robledo, Fernández Villaverde e Elduayen. (Cf. José Rodríguez Espinosa, Tierra de Fragoso).
Ao longo destas notas teremos novas oportunidades de lembrar a personalidade de don Manuel Bárcena e Franco.
3 de xaneiro de 1891. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)