O Concello, presidido polo Conde de Torre-Cedeira, don Manuel Bárcena y Franco, acorda en sesión desta data crear a Caixa de Aforros e Monte de Piedade Municipal de Vigo, cuxos estatutos foron aprobados oficialmente o 9 de agosto de 1881.
Non foi esta a primeira institución deste tipo que existiu en Vigo, pois xa en 1871 se constituíra a Sociedade Cooperativa de Traballadores, denominada El Ahorro, cuxo regulamento foi editado aquel mesmo ano na Imprenta de Marcial Areal, sita no numero 20 da rúa Contreras. A xunta directiva de El Ahorro estaba constituída por don Acacio Fráiz Morgade, presidente; don Ramón García Vicetto, vicepresidente; don Francisco Sitjá, secretario; don José Silva, tesoureiro, e don Manuel Lago, don Jacobo Blanco, don Nolasco Cosío e don Antonio Martínez, directores 1º, 2º, 3º, e 4º.
Entre os socios fundadores figuraban á parte dos citados don Juan Echegaray, don Ramón Masip, don Antonio Puche, don Manuel M. Coloret, don Rafael Serret, don Juan Buet e don Agustín Curbera, cuxos apelidos revelan a intensa participación que na nacente entidade tiveron as colonias de traballadores e industriais foráneos, especialmente cataláns.
Na “Xustificación” dise: “Os que subscriben, veciños da cidade de Vigo, operarios respectivamente en ciencias, artes, profesións, oficios e industria, penetrados de que cada un por si, e con só o produto do seu traballo non poderían formar capital abondo para satisfacer cumpridamente as necesidades da vida social e moito menos o día en que algún deles careza de traballo por doenza ou outra causa, se non teñen algún aforro en depósito: convencidos así mesmo do poder e da forza que dá a asociación ben dirixida… convéñense mutuamente en unirse e fundar unha sociedade cooperativa denominada El Ahorro…”
As finalidades non se circunscribían ao simple depósito de capitais, senón que se estendían a proporcionar traballo aos asociados en paro, establecer unha cooperativa de consumo, e, tamén, a estimular ao obreiro, concedendo cada ano “premios honoríficos para socios que presenten algún invento ou obxecto útil para as artes e ciencias”. Así mesmo, serían premiados a aqueles que se distinguisen polos seus servizos a prol da sociedade ou contribuíse con notorios sacrificios ao sostén dos demais desamparados.
Descoñecemos os froitos de tan cristián programa.
15 de xaneiro de 1880. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).