Publícase o primeiro número do periódico mensual deportivo e literario Letras y Deportes. É o primeiro do seu xénero que saíu en Vigo. Editábase nos talleres de Faro, era o seu director don Miguel de Zárraga e un dos seus principais colaboradores don Herberto Blanco, Helenor. Publicou uns vinte números.
Ata 1916 non volve aparecer aquí outra publicación periódica dedicada aos deportes. Trátase de, Vida Deportiva, revista decenal, dirixida por don Egdunio de Castro. En 1918 saíu á luz Galicia Sportiva, revista semanal, baixo a dirección de don Miguel Bezares. E xa haberían de transcorrer cerca de dez anos para que a serie de xornais vigueses dedicados aos deportes se reanudase, esta vez en sucesión case ininterrompida até os nosos días.
O 7 de outubro de 1927 publícase o primeiro número do semanario Sprint, tan recordado polo seu incansable labor a prol de todos os deportes. Como a lista dos seus destacados colaboradores sería longa, lembremos tan só aquel cabaleiroso paladín, o chorado Manuel de Castro, que se fixo famoso co alcuño de Handicap, home inaccesible ao desalento e defensor entusiasta dos valores deportivos indíxenas. O primeiro director de Sprint foi don Andrés Rodríguez Barbeito, ao que sucedeu Aurelio Domínguez, Luis del Valle. Sprint editábase en papel azul claro, en honra ás cores do club de fútbol Celta. Deixou de publicarse no verán de 1936, ao concluir aquela tempada deportiva.
Tamén en 1927 saíu o semanario Los Deportes, cuxo director era don Ramón Fernández Mato, tendo por redactor xefe a don José Vidal Bustamante. Foi un periódico moi ben feito, malia durar pouco tempo.
En 1929 apareceu Sport, semanario dirixido por don Román Santalla, Tivo, así mesmo, vida efémera.
Case un ano viviu Stadium, que viu a luz entre o 5 de setembro de 1932 e 21 de agosto de 1933. Era tamén semanario, dirixido por don Gonzalo Rey Alar, o cal se inicia brilllantemente no seu denso e ponderado labor de crítico deportivo. O mesmo Rey Alar fundou a actual publicación Meta, cuxo primeiro número saíu o 29 de xaneiro de 1944 sendo, por tanto, a publicación local do seu xénero que máis longa vida acadou. Durante varios anos foi trimestral, despois bisemanal, e na actualidade, por mor de determinadas dificultades técnicas, reduciuse a semanario.
En abril de 1944 saíu o número 1 da revista sección de Montaña Club Celta, que despois pasou a titularse Club Montañeros Celtas. É unha publicación interesante e simpática, aínda que sen periodicidade fixa, en formato 4º, ás veces texto nutrido e que revela o encomiable esforzo deportivo e cultural da activa entidade que lle dá nome.
Na tempada 1945-46 publicouse en Vigo outro semanario de deportes, Imán, que naceu sendo unha folla publicitaria gratuita. Era o seu director José María Castroviejo e facíase na Imprenta Roel. Iniciouse con certos aires renovadores e combativos, dedicando preferente atención ao deporte futbolístico.
En xaneiro de 1950, apareceu a revista mensual Atleta, boletín da Asociación Viguesa de Atletismo. Foi fundada por don Ángel Marcos Alonso, o seu primeiro director. Axiña pasou ocupar a dirección don Roberto Rodríguez de Ozores, non só grande atleta senón tamén excelente coñecedor do deporte en todos os seus aspectos e eidos. En tamaño 4º, con 12 páxinas, mais cubertas, abundante información gráfica e interesante contido, foi unha publicación exemplar. Deixou de aparecer a comezos de 1954.
O 2 de setembro de 1953 publicouse o número 1 de Celta, semanario baixo a dirección de don Luis Courel Pardo, co seu cobizoso programa informativo, que se viu truncado polo prematuro cesamento da publicación.
18 de xaneiro de 1909. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).