Nace en Ribadavia D. Eduardo Chao Fernández, o ilustre home público que habería de ser Fillo adoptivo de Vigo, cidade á que dedicou os seus mellores afáns. Era fillo do destacado farmacéutico D. José María Chao e de Dª Francisca Fernández. Preocupado o seu pai pola futura formación intelectual do seu fillo, decidiu trasladarse a Vigo, onde abriu farmacia e ocupou destacados postos docentes.
Chao sentiu desde os primeiros anos (contaba cinco cando chegou á nosa cidade) un grande cariño por Vigo. “Apenas puxo o pé naquela vila (di Curros Enriquez, o seu delicado biógrafo) Eduardo sentiuse fascinado pola incomparable fermosura da súa paisaxe, pola esplendidez case meridional do seu ceo e sentiu por Vigo o primeiro amor da súa vida; amor que non se saciaba na contemplación mística das súas belezas naturais, amor que o abismaba nunha especie de adoración panteísta, que prestaba á súa alma de neno medios de interpretar e comprender esa linguaxe misteriosa das cousas coas que nos falan os mares e os ceos, as montañas e os bosques, mudos para todos e elocuentes só para os iniciados… Quizais comezaba entón a acariciar na súa mente, dun xeito rudimentario, aqueles grandes proxectos de melloras locais que no porvir había de desenvolver e que a paixón do seu partido, cando non a punible indiferenza dos seus paisanos, lle impediron ver realizados mentres vivise”. (Manuel Curros Enríquez, Eduardo Chao, estudio biográfico- político, páxinas 22-23).
Despois dos seus estudos iniciais en Vigo, seguiu Chao as carreiras de Leis e Farmacia en Santiago. Era Chao entón un mozo reflexivo, serio, case insociable, entregado de cheo a súa formación intelectual, preocupado por deixar de ser axiña unha carga para a familia e converterse no valedor do seu pais. Concluíu os seus estudos superiores en Madrid e alí comezou activamente na vida política. Xa en Vigo manifestara as súas vocacionais inquietudes políticas, tomando parte destacada, como membro da Milicia Nacional, no movemento de setembro de 1840, primeiro no sitio que puxo á praza o gobernador militar de Pontevedra e despois na marcha sobre aquela capital. A raíz destes sucesos publicou un folletín titulado Razones de España para la revolución de septiembre.
Non é posible seguir aquí, nos seus pormenores, a densa actividade política de Chao que, por outra parte , nos interesa especialmente en relación cos seus proxectos con D. Nicolás Salmerón, foi designado para ocupar o ministerio de Fomento no goberno que seguiu á abdicación de don Amadeo. Eduardo Chao deuse tempo para deixar pegada fecunda do seu paso: creou a Comisión do mapa xeolóxico da Península, a Xunta da canle de Aragón, reorganizou as Xuntas de Obras e Portos e o Servizo de Obras Públicas; ditou intelixentes disposicións sobre estradas, ferrocarrís e portos; dispuxo a incorporación dos artistas músicos á Real Academia de Artes, etc. En relación con Vigo, a cidade débelle o seu primeiro observatorio astronómico, cuxo material custeou do seu peto particular; foi o propulsor da Escola de Artes e Oficios, creada pola Sociedade La Cooperativa, que o nomeou presidente honorario daquela institución, a cal tamén doou excelente material pedagóxico, redactou numerosos estudos e proxectos sobre o porto, os peiraos, o ferrocarril, as industrias da pesca e derivadas, etc. E moito máis fixese se a inquietude e inestabilidade política daqueles anos o tivesen permitido. Das numerosas obras que o seu talento polifacético produciu, lembraremos a seguir á Historia General de España, do P. Mariana; Diccionario enciclopédico de la lengua española; La ostricultura en Galicia; Necesidade del porvenir de Vigo, etc.
Faleceu Chao en Madrid o 21 de decembro de 1887, en plena madurez vital. O 7 de xaneiro seguinte o concello de Vigo tomou acordo de dar o seu nome a unha das rúas da cidade.
5 de novembro de 1821. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)