Quizais sexa esta unha das datas máis recentes que rexistremos no noso Calendario, pois o seu carácter de histórico aconsella non sexa rebasado o límite da última xeración, mínimo para unha xuizosa perspectiva temporal. Mais como queira que un dos nosos intentos é deixar consignadas, a través destas páxinas, as datas claves na historia do periodismo vigués, non podemos eludir aquela que corresponde ao nacemento dun diario de fonda significación na vida local e rexional. Referímonos a El Pueblo Gallego, cuxo primeiro número apareceu ese día.
Deixemos que sexa unha pluma daquelas calendas a que nos dea conta disto: “A fin! Despois de preparativos e xestións laboriosas; despois de inesperadas vicisitudes, e de obras lentas e de organización deficiente pola falta de práctica nas encargas nesta delicada misión, o diario vigués da “Liga (de defensores de Vigo”), o noso diario, El Pueblo Gallego, saíu á area da loita o 27 de xaneiro de 1924.
“A entusiasta acollida que mereceu en Vigo e en toda Galicia compensou aqueles esforzos e animou as vontades para resistir os contratempos que xurdirían no desenvolvemento dunha empresa de renovación política e cidadá.
“Fernández Mato, o escritor de estilo elegante e imaxes seductoras, a través das que asoma sempre a enerxía e o temple dun loitador, encargouse da dirección artística e literaria do xornal. O seu artigo de fondo no primeiro número, titulado “Al salir”, foi unanimemente gabado.”(B. Bernárdez Romero, Tratado de…”Viguismo”, I, 275).
Lembremos pola nosa banda que a Liga de Defensores tivera xa outro órgano oficioso de opinión, o diario Galicia, ademais do semanario La Garra. En canto ás sucesivas vicisitudes de El Pueblo Gallego, sería prolixo reseñalas aquí. Diremos só que este xornal, nos seus altibaxos, como os de toda obra humana, tivo épocas de sumo interese, manténdose na actualidade, na liña dun xornal de provincias ben confeccionado, con denso e áxil contido, ampliamente interesado polo latexar dos problemas fundamentais de Galicia. Durante algúns anos, a partir de marzo de 1934, mantivo unha edición vespertina chamada La Tarde, de enorme éxito, que dirixiu Julio Sigüenza. O seu director actual é don Félix Morales. O seu cadro de redactores contou con excelentes xornalistas, e nos nosos días traballan naquela casa verdadeiros mestres- non nos cega a amizade- como don José Vidal de Bustamante e don Ángel Sevillano.
Polo tempo en que se fundou El Pueblo Gallego, saíron en Vigo algúns semanarios de curta vida. No mesmo 1924, Carnaval, dirixido por Germán Fernández, e Alta Voz, por don Antonio Téllez de Meneses. En 1925, Última Hora, cuxo director foi don Victoriano Ballesteros, e as revistas Vida Céltica, de literatura e información baixo a dirección de don José Posada Curros, e Revista Gallega, que facían don Manuel Lustres Rivas e don Joaquín Pesqueira. En 1926 publícanse: La Información, semanario dirixido por Ramón Carrasco; El Despertar Marítimo, quincenario, por don Joaquín Villaverde Velo, e o Boletín Mensual, da Asociación de Comisionistas e Viaxantes, dirixido por don Santiago Modroño Gómez.
De 1927 son Industrias Pesqueras, revista económica e técnica de longa fecunda vida, cuxo primeiro director foi don Miguel Rodríguez, séndoo actualmente don Valentín Paz Andrade; Nova Galicia, revista literario-informativa, que dirixiu Víctor Fráiz Villanueva, e El Obrero Ferroviario, cuxo director era don José Gómez Osorio. Ata 1937 o periodismo vigués apenas se renova. Neste ano aparece a Hoja Oficial de los Lunes, que edita, con progresiva perfección, a Asociación da Prensa de Vigo.
27 de xaneiro de 1924. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).