Nace en Bouzas o ilustre periodista, fundador do Diario de la Marina, da Habana, don Isidoro Araújo Lira y Alcalde. Era fillo de don José Troncoso de Lira e dona Luisa Araújo, de fidalga estirpe.
Iniciou os seus estudos eclesiásticos no Seminario de Tui, que proseguiu máis no mosteiro bieito de Samos, como novizo, ata 1835, ano en que os interrompeu por mor da lei de exclaustración. Pasou entón a Madrid; alí e en Salamanca desempeñou un modesto cargo na administración estatal, e foi declarado “cesante” nun daqueles “plumazos” ministeriais da época, que, se non quitaban non poñían rei, administraban fame e desesperación á triste grei dos “pretendentes” en cortes. Araújo de Lira, como tantos despoxados, tomou o camiño da emigración.
A Habana acolleu as ilusionadas ansias do mozo emigrante, publicándolle en El Noticiero e en El Lucero as súas primeiras crónicas periodísticas. Asinaba “Lira” e “Ana Mir”; con este último alcuño publicou un interesante folletón, que foi acollido con interese e decidiu xa o seu porvir de xornalista distinguido. En plena mocidade, cando contaba con vinte e oito anos e posuía dous mil pesos como todo capital- en gran parte prestados- lanzouse á fundación do Diario de la Marina, hoxe famoso no mundo de fala hispana. Este periódico achegou auras de renovación nos caducos moldes do xornalismo insular e aínda foi guía para o bo facer e entender dun notorio sector da prensa americana, en xeral.
Araújo de Lira defendeu dende as columnas do seu xornal os intereses patrios, xunto aos peculiares da illa, con pluma ecuánime e serena. Soubo rodearse dun equipo áxil de redactores e ditou cátedra de bo periodismo.
Veu a España en 1854, comisionado polo comercio e a industria de Cuba, e aquí permaneceu algún tempo, tendo ocasión de dirixir eventualmente o Diario Español. Por este tempo non é infrecuente atopar a súa sinatura nas páxinas do Faro de Vigo.
Isidoro Araújo deu á prensa diversos folletos sobre temas económicos e unha interesante Memoria acerca do estado político- administrativo de Cuba, cuxos problemas, males e posibles remedios denuncia con certeira visión.
Faleceu na Habana o 7 de maio de 1861, a consecuencia dun duelo co cubano Benjamín Fernández Vallín, que se xulgara ofendido por certos artigos publicados nun diario de Madrid, e cuxa paternidade aceptou nobremente Araújo de Lira.
A cidade da Habana abriu unha suscrición a prol da súa viúva e fillos, que acadou unha crecida suma de cincuenta mil pesos.
Nobre, intelixente, laborioso, namorado da patria natal tanto como da adoptiva, Isidoro Araújo de Lira y Alcalde debe ser considerado como un dos máis ilustres fillos de Vigo, cidade onde as letras tiveron, dende o escuro século XIII, tan destacados cultivadores. Mais, tamén, cidade esquecedora, que ata agora non se preocupou de recoller as obras dos seus escritores, as lembranzas persoais dos seus fillos insignes, a pegada emocional dos seus homes de grata memoria.
O día 12 do pasado mes pronunciou no Liceo Artístico e Instructivo de Bouzas, unha douta conferencia sobre o noso personaxe, o escritor coruñés e ilustre académico da Galega, don José Luis Bugallal Marchesí. Sería de destacar que o documentado estudo, “Sacrificio e holocausto dun boucense ilustre: Isidiro Araújo y Alcalde”, fose publicado. Os actuais fillos de Bouzas non regatearían xenerosa achega a esta obra de cultura. (Cf. A. Couceiro Freijomil. Diccionario bibliográfico de escritores).
2 de xaneiro de 1816. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)