Nace en Marín, de pai tudense e nai viguesa, don José Policarpo Sanz Soto. De orixe modesta- o seu pai era perruqueiro- coñeceu a opulencia case en plena mocidade, mercé aos seus extraordinarios dotes de perspicacia, capacidade de traballo e rectitude nos seus tratos. Pode dicirse que don Policarpo Sanz foi un autodidacta, no que se conxugaron a certeira visión do financieiro nato e a fina sensibilidade para captar as belezas da arte.
Emigrou a Cuba moi novo, onde axiña acadou un posto de responsabilidade nunha acreditada casa de Banca, merecendo en misións de negocios cerca do destacado financieiro Juan Ceballos, residente en Nova York. A fonda amizade trabada dende o primeiro momento entre os dous anoouse máis tarde, mercé ao matrimonio de don Policarpo Sanz con dona Irene Ceballos, filla daquel. O señor Baró, o seu primeiro xefe na Habana, deixoulle en herdanza unha cuantiosa fortuna, e dende aquel momento emprendeu, xa pola súa conta, unha carreira firme e frutífera na vida dos negocios.
Fixo frecuentes viaxes a España e en varias ocasións visitou Vigo, onde repousaban os restos dos seus proxenitores. O destino negoulle a sucesión familiar que tanto degoxaba, e isto determinou que no seu nobre espírito nacese o desexo de sentirse, no posible, pai dos desherdados da fortuna. A eles legou todos os seus bens, por testamento outorgado en Nova York o 1º de xuño de 1888, deixando disposta a creación dun instituto de primeiro e segundo ensino, que debería ser gratuito, e un hospital de caridade. Dispuña ademais a súa colección de noventa e catro cadros orixinais e tres copias, de mestres antigos e modernos, pasase a ser propiedade do pobo de Vigo e exhibida nun Museo.
Faleceu don Policarpo Sanz en París o 9 de novembro de 1889. Os seus restos mortais foron traídos a Vigo dende Burdeos, chegando á nosa cidade o 31 de agosto de 1891. “O enterro de don José Policarpo Sanz, en Vigo, foi unha manifestación de dó sen precedentes: autoridades, Cámara de Comercio, gremios con seus estandartes enloitados, confrarías, sociedades, orfeón La Oliva, nenos das escolas públicas e casa do Hospicio, e todo canto aquí vale e significa, tomou parte naquel cortexo fúnebre que percorreu as rúas da cidade, cuxas casas ostentaban colgaduras con crespóns negros. Ao paso da comitiva pola rúa que leva o seu nome, descubriuse a placa de mármore que o inmortaliza. E alá no recuncho sinalado por el en Picacho, recibiu cristiá sepultura este benfeitor de Vigo, entre un inmenso xentío sometido ao máis impresionante silencio.”(José Espinosa. op.cit.p.481).
Posteriormente os restos de don Policarpo Sanz, foron trasladados ao mausoleo que no cemiterio de Pereiró ergueu o Concello, onde tamén descansan os da súa dona, falecida en Madrid o 19 de agosto de 1935.
A colección de pinturas legadas a Vigo polo filántropo contén algunhas obras de excepcional valor, como son os magníficos retratos do archiduque Alberte e da súa dona Sabela Clara Uxía, debidos ao pincel de Frank Pourbus, expostos recentemente en Bélxica con motivo da Exposición Internacional; ou A morte de Cleopatra e A morte deLucrecia, de Xoán Francisco Detroit, así como os soberbios pasteis representando a J.J. Rousseau e María Lezyska, obra de la Tour; tal, en fin- xa que a liusta sería longa- a deliciosa Festra campestre, atribuída a Pedro Brueghel o vello.
25 de xaneiro de 1841. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).