Nace en Vigo don Emilio García Olloqui, que se había de distinguir no cultivo das letras e pola actuación política na vida local. Foi poeta de inspiración épica, aínda que un tanto “confuso e rebuscado ou violento” (Couceiro Freijomil). Escribiu tamén para o teatro onde alcanzou algúns éxitos co seu drama ‘Fray Luis de Sousa’ e coa zarzuela ‘La familia del gobernador’. A Real Academia española concedeulle os honores do premio á ‘Oda a la batalla de Balién y gloria a Castaños’. No certame literario celebrado en Santiago en 1875 obtivo a rosa de ouro coa súa poesía ‘La batalla de Kalat-Añazor’.
É autor igualmente de varios poemas épicos, tales como ‘Los godos’, ‘Camoes’, ‘El alcalde de Móstoles’, etc. García Olloqui é acaso un dos máis tardíos cultivadores na literatura castelá do rancio xénero épico. Baixo o título de Obras poéticas publicou a súa produción en Alexandría (Exipto), onde faleceu, cando desempregaba un cargo diplomático.
Na súa cidade natal fora entusiasta propulsor da ampliación urbana que deu lugar á chamada entón “empresa da nova vila”, consistente na demolición das vellas murallas e o avance cara ao mar, gañando os terreos do antiguo recheo (Alameda, rúas e avenidas adxacentes), onde hoxe unha das vías daquel novo trazado leva o seu nome.
10 de outubro de 1821. Xosé María Álvarez Blázquez. ‘A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo’ (Xerais, 2008).