Publícase o número 1 de El Restaurador, famoso semanario católico, que fixo fronte, tanto aos xornais conservadores, chamados por aquel entón “mestizos”, (Faro de Vigo e El Noticiero de Vigo), como aos liberais (La Concordia) e nada digamos respecto aos de extrema esquerda (La Lucha e La Justicia).
O seu primeiro director foi D. Manuel Fernández García. Editábase na imprenta de D. Ramón S. Fernández, quen pasou a ostentar a dirección do xornal a comezos de 1907 cando se converteu en Bisemanario Católico de Vigo. En 1909 os carlistas desta provincia fixérono órgano do seu partido, pasando a subtitularse “Órgano oficial da comuñón tradicionalista na provincia de Pontevedra”. Tiña a súa redacción na praza da Constitución , anexa á libraría de D. Sinfoniano, onde se vendían libros relixiosos, obxectos para o culto, rosarios, escapularios, medallas, velas de cera, etc.
O tamaño de El Restaurador era de 30×48 centímetros de caixa, a cinco columnas. Estaba ben escrito e ben impreso, sen outra información que unhas breves notas locais; o demais eran soltos e artigos, con abondoso emprego da tesoira. No número 305 (7-11-1907) lemos: “Cinematógrafo. Segundo nos informaron persoas que o presenciaron, son verdadeiramente escandalosos e altamente inmorais algúns dos cadros que no cinematógrafo do recheo se exhiben. Rogaos encarecidamente ás autoridades encargadas de velar polo bo nome de Vigo e pola decencia e moralidade que tomen enérxicas medidas conducentes a evitar grandes desaforos”.
Se El Restaurador o dicía…
26 de outubro de 1899. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)