O capitán xeneral de Galicia, o brigadier D. Martín José Iriarte, elevado a este cargo pola Xunta Revolucionaria de Vigo en substitución do xeneral D. Laureano Sanz, confirma con esta data o nomeamento, que a propia Xunta de Vigo fixera, de comandante militar da provincia da Pontevedra a prol do comandante Ramos Matador.
O concello de Vigo, como temos rexistrado días pasados, pronunciouse a prol da rexencia de Espartero na minoría de idade de Isabel II, seguindo o movemento chamado dos aiacuchos. Era entón alcalde constitucional D. Matías Díez Prado o que respondera ao gobernador militar de Pontevedra, comandante xeneral da provincia, “que o concello da cidade de Vigo que presidía estaba animado dos mesmos principios políticos que o Madrid, coñecendo que toda a veciñanza abundaba nas mesmas ideas de soster a Constitución de 1837”.
“O comandante xeneral da provincia veu desde Pontevedra con algunha forza para sofocar o pronunciamento, cumprindo instruccións do Capitán Xeneral. Tomou posicións no barrio do Areal de Vigo e dirixiu á Xunta revolucionaria na que se constituíra o concello, un ultimátum antes de hostilizar á praza.”
“Os milicianos vigueses ocupaban os baluartes e fortes da cidade, traballando día e noite en poñelos en estado de defensa para resistir ao brigadier Medinilla.- Serían as doce da noite do día 12 de setembro cando o alcalde de Vigo recibiu a intimidación do comandante xeneral coa ameaza de asaltar a cidade e levalo todo a sangue e lume se non aceptaba a Xunta revolucionaria un medio decoroso de amaño. Á que contestou que as xentes se propuñan correr a eventualidade do concello de Madrid.”
“Non arredou un momento aos habitantes de Vigo o risco que corrían se o pronunciamento se sofocaba e non tiña resonancia no resto da nación: antes ben, crecendo o seu valorá par que o perigo, rexeitaron ao camandante xeneral Medinilla, que se viu obrigado a se retirar en Portugal: así como o capitán xeneral de Galicia, D.Laureano Sanz, que tivo que dimitir o 14 de setembro en Sobrado, preto de Arzúa, en vista de que os comandantes das compañías de ganadeiros e cazadores de batallón franco, que o acompañaban, lle fixeron presente os seus desexos de se reunir cos seus respectivos corpos, que estaban pronunciados. Esa dimisión remitiuna o xeneral Sanz ao brigadier D. Martín José Uriarte, nomeado Capitán Xeneral pola Xunta revolucionaria de Vigo.”(J. de Santiago, op. Cit., páxs 564-565).
16 de setembro de 1840. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).