O Ministerio de Facenda dispón que sexa entregado o exconvento de San Francisco, como consecuencia da desamortización, á Xunta de Beneficencia de Vigo con destino á súa habilitación para hospicio e hospital. Esta é a orixe da actual Casa da Caridade que, en efecto, foi nun comezo hospital de enfermos, asilo de anciáns e hospicio.
A súa historia, máis que centenaria, nútrese día a día co silencioso heroísmo das fillas de San Vicente de Paúl, que rexen aquela casa desde o ano 1868. A Casa da Caridade tivo unha simpática banda de música infantil, cuxo fundador e primeiro director faleceu traxicamente en Tui durante unhas festas patronais. Esta banda acudía a todas as homenaxes, serenatas e festexos populares, contribuíndo cos seus ingresos ao sostemento da Casa.
26 de novembro de 1839. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)