Don Ramón de Novoa, comandante xeneral interino de armas da cidade e provincia de Tui, escribe dende Vigo, onde entón se atopaba, ao correxidor da vila de Baiona, dándolle conta da sublevación de Cabezas de San Juan, á que se sumaran todas as forzas de Galicia. Leva a misiva, que é unha orde de adhesión ao movemento constitucional, o capitán Celeyrán, o cal chega a Baiona coa súa compañía, ás dúas da madrugada. Peta nas portas da fortaleza, que lle son franqueadas, mais ao coñecer o motivo da intempestiva visita, o correxedor negouse rotundamente a acatar a orde de dar lectura pública a Constitución. No obstante ao ser ameazado de arresto inmediato polo Celeyrán, accedeu a convocar ao Concello para as oito da mañá.
Reunido o Concello, opúxose tamén á lectura da Constitución, alegando que soamente acataría ordes directas do Rei. Baiona sempre foi moi realista.
Diante de tal embarazo, falto de colaboración oficial, o comisionado fixo convocar á veciñanza a tambor batente; el en persoa realizo a lectura da Constitución e deu os vivas de rigor; tras o cal regresou a Vigo, deixando á veciña vila convertida nun zoco de desputas. “Este acontecemento foi en Baiona a mazá da discordia, que desatou os odios entre os seus veciños. Era Baiona un campo de Agramante; divididos os seus veciños en realistas e constitucionalistas, non era posible unha intelixencia entre as dúas bandas-. (Herminio Ramos González, Crónicas Históricas de la villa de Bayona, Madrid, 1925).
Vigo, máis liberal, aceptou a nova situación con agrado, aínda que despois os militares, e algúns elementos da poboación civil, sufrisen os ramallazos da reacción absolutista. “Coa revolución do ano 1820 sufriu grandes mudanzas a organización civil e militar de España. Reducíronse as antigas provincias, formándose unha nova organización territorial, e na súa concesuencias sete provincias nas que estaba dividida Galicia reducíronse a catro, como subsisten actualmente, coa súa diferenza de denominarse provincia de Vigo ao que agora se chama de Pontevedra, residindo en Vigo a capitalidade dende o 13 de xullo de 1821 deica o ano 1823, no que se restableceu o réxime absoluto a consecuencia da intervención francesa, desaparecendo entón a nova división territorial”. (J. De Santiago, op. Cit., p. 543).
Ademais da nova capitalidade, Vigo obtiña daquela situación o cumprimento dun antigo anhelo, ao ser recoñecido polas Cortes como porto de depósito de primeira clase, con dereito ao establecemento dun Consulado (Cámara) de Comercio. Nestas melloras distinguiuse, pola súa acalorada e eficaz defensa de Vigo, o deputado don Javier Martínez.
28 de febreiro de 1820. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).