Deixemos aínda a palabra a Frei José Rafael Rolán, pois é dos que non escriben para a historia dos que máis proveito tiramos cando nola ensinan. Perdidos porcos, lacóns, sardiñas e viño, cun bocado de boroa por todo alimento, acougou o bo do freire do susto e dos seus traballos nun recuncho da sacristía, que sería o seu único apousento até a reconquista da praza. “Ao día seguinte- di- fun onde o señor Xuiz, que era don Francisco Javier Vázquez Varela; insinueille o que me pasara, o destrozo do convento. Dixen ao noso Irmán Síndico que viñese a recoñecer o convento e as esmolas, e me responderon un e outro que non podían contelos, e que ao outro día me presentase na Audiencia ás dez da mañá para a xura de José Primeiro Napoleón.”
“En efecto, despois de pasadas as dez do día, xuntos todos os estados e gremios e dúas persoas de Xustiza de cada pobo, preguntáronme nestes termos. O xuíz pregúntame “se recoñezo a José Primeiro por Rei de España”.
A isto respondín: “Que non recoñecía máis que a un Deus, Creador do ceo e a terra; e que a quen recoñecese e adorase este superior Señor, lle tributase o seu culto e veneración católica; ao que recoñecese a superior Cabeza da Igrexa. Noso Santísimo Padre Papa Pío sétimo; ao que recoñeza o Estado Eclesiástico e Secular, e moito máis, Regular, segundo os seus privilexios; ao que permita ao pobo cristián o debido culto a Deus, a frecuencia os seus sacramentos, e non os molestase nas súas persoas e haberes, senón que antes os sacase das súas necesidades, e os deixase na súa pacífica posesión… a este recoñezo eu, Frei José Rafael Rolán, por Rei de España, e en defensa do dito derramarei até a derradeira pinga do meu sangue”.
A estas palabras preguntou o Xuíz aos circunstantes:”Que dicían a isto?” Ao que respondeu o Estado Eclesiástico: “que defendían o mesmo”. Os gremios, “que o defendían nos mesmos termos”. Os pobos a voces:”o mesmo que o Padre?”
“Mandáronme que non saíse do convento sen orde súa, e que debería volver asinar o mesmo que dixera. Logo que cheguei ao convento vin que os franceses romperan a paneira, o cuarto da Terceira Orde, e que estaban sacando trigo e millo para os seus cabalos. Mandei chamar ao encargado do coidado de refectorio, para determinar como sacariamos todo con efecto. Un biscoito que me regalaran foi o medio para sacar da paneira catrocentos ferrados de trigo e o millo que había, sen que soubesen os franceses onde foran conducidos… Pasados tres días de residencia dos setecentos franceses no convento, marcharon; e, sen me dar aviso, entraron novecentos da mesma nación…”
Xa di o refrán, que o bo freire repetiría para o seu saio. “Saio dun souto e métome noutro”. Os novos inquilinos deron cabo de canto de beber quedaba na bodega, romperon as portas e sobrados, prenderon lume a parte do edificio, meteron mulleres no santo lugar… Acudiu o Padre aos xefes daquela chusma e estes “portáronse xenerosamente”. “Ao despedirense dixéronmeo motivo da súa viaxe a Galicia, e outras cousas que se saberán o día do Xuízo…”.
3 de febreiro de 1809. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).