Referímonos en crónicas precedentes a algúns heroicos padres franciscanos do convento de Santa Marta, que, diante da ocupación da cidade polos franceses, preferiron o risco da vida de campaña, antes que someterse ao dominio extraño. Ao carón daquelas figuras destacadas, debemos lembrar as doutros irmáns de relixión que seguiron a mesma sorte, ao caso con menos fama póstuma, mais con idéntico esforzado ánimo. Entre eles, lembraremos a figura do freire Pedro Romero, quen por estes días atopábase ás ordes de Cachamuíña, no seu cuartel xeral de Boborás.
“Era morador do convento de Vigo- di o padre Legísima- cando estalou a guerra, e alí estaban de familia case todos os seus irmáns de hábito que logo batéronse ao seu carón cos franceses, organizando as Alarmas de Corcubión e traballando, incansables, en perseguir ao ínimigo tanto nas Rías Altas como nas Baixas, con especialidade nas primeiras, de tal xeito, que sen temor a aser desmentidos, podemos afirmar que aquel movemento patriótico se debeu na súa maior parte aos fillos de San Francisco, que o convento de Santa Marta de Vigo, verdadeiro baluarte da independencia en Galicia, alá mandaban naqueles azarosos días.
Frei José verjano, frei Juan Pérez, frei José Reguera, frei Antonio Martí, frei Ambrosio Domínguez, e, á fronte de todos eles, frei Pedro Romero, escribiron naquela parte da rexión unha páxina que non borrarán os séculos, e que proclamará moi alto que aquel alzamento patriótico foi franciscano…Mentres os seus irmáns de hábito, os padres Villageliú, Giráldez, Domínguez e os dous Martí ergueron aos paisanos das proximidades de Tui e arredores para levalos ao asedio de ambas as dúas prazas, o padre Romero, en unión do xuíz de Cotobade, don Manuel Taboada e Cotón, prestaba un sinalado servizo á causa da patria desempeñando honrosas comisións que Cachamuíña lle confiaba”.(Op. Cit., pp. 530-31).
A actuación do padre Romero en Noia, Muros, Corcubión e Cee pode considerarse como decisiva, a través de múltiples episodios novelescos, que recollen con puntualidade o citado padre Legísima e M. Pardo de Andrade (Los Guerrilleiros Gallegos de 1809, A Coruña, Biblioteca galega, 1892). Lembraremos, entre as súas infinitas actuacións, os oportunos socorros obtidos polo padre Romero da fragata Libelly, mandada por Georges Mckinley, achándose fondeada en Vilagarcía. En medio dun forte temporal, o afouto franciscano saíu de Muros a bordo dun galeón, cuxa tripulación reducíase ao mínimo, e, sorteando a vixilancia inimiga, cumpriu o seu obxectivo e regresou a Muros con diñeiro, armas e munición.
27 de febreiro de 1809. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).