Segundo temos rexistrado hai poucas xeiras, con esta data pasa a ser propiedade do pobo de Vigo o antigo pazo e parque de Lavandeira ou Castrelos, oficialmente Quiñones de León.
“No século XVI- di D. José Espinosa- era unha torre, sobre ella e os bens circundantes, fundaron un morgado o capitán don Juan Tavares e a súa esposa dona Benita Núñez. Tivo despois varios aumentos e nun deles fíxose constar na escritura do morgado que terían que atoparse a perpetuidade na sala principal da casa as obras de Santa Teresa, cláusula que foi respetada por todos os sucesores no vínculo, até que deixou de pertencer á familia. Cando a invasión do exército portugués, en novembro de 1665, foi posto en sitio por este, defendeuna o seu dono, que era por aquel entón, D. Benito Tavares, cun puñado de colonos, rendéndose despois de heroica loita, sendo seguidamente saqueada e incendiada, quedando en tal estado que foi preciso demolela.”
“Cinco anos máis tarde, o citado D. Benito e a súa esposa dona Ana Ozores de Soutomaior reedificaron a casa “nun lugar moi próximo para maior conveniencia”segundo pode lerse nos escudos que ornamentan a fachada principal…- D. Benito e a súa esposa edificaron a torre esquerda, a parte central e a torre da dereitaaté a metade. Esta foi rematada a mediados do século XIX. As dúas son cadradas e teñen15 metros de altura até o remate.”(Op. Cit. pp. 374-375).
Tanto na fachada principal como na posterior amósanse abondosos escudos de armas: Ozores, Soutomaior, Oia, Castro, Tavares de Tabora, Valadares, Oca, Lemos, Mendoza, Correa, Montenegro, Quiñones de León… Son os blasóns dos que un día habitaron aquela fermosa mansión, hoxe marco dun importante museo municipal, digno de ser máis coñecido e apreciado polos vigueses.
15 de decembro de 1931. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)