Don Filipe III ordena con esta data ao Alcalde Maior da vila de Vigo abra unha información entre os membros do Concello e veciños, acerca do estado das obras de traída de auga potable á poboación, obras que o Concello iniciara e nas que a veciñanza investira xa máis de dous mil ducados. (O ducado nesta época e en Castela equivalía a 375 marabedís ou a 11 reais; 8 marabedís facían unha moeda aproximada á de 10 céntimos de cobre).
Faltaba aínda un bo treito para que a canle de pedra, que se traía dende un cuarto de legua, chegase á vila, polo cal esta pediu ao rei autorización para taxar sobre a carne, peixe, aceite, viño e outras vituallas, agás o pan, ata 800 ducados, cantidade que se consideraba abonda para cubrir os gastos da obra que faltaba. Antes de acceder a isto, o rei ordenou a referida información, dispoñendo tamén se lle manifestase se non había outros arbitrios menos impopulares que o da taxa sobre a alimentación.
O problema do abastecemento de auga potable á poboación viguesa é, como se ve, moi antigo, e a súa solución estableceuse xa dende os seus comezos con caracteres onerosos. Por razóns que descoñecemos, aquela obra de condución non debeu levarse a cabo, posto que na metade do século pasado Vigo non contaba con outro subministro de auga que o das súas catro fontes: a de Neptuno, a do Anxelote, a de Vigo e a da Ribeira ou dos “Cans”.
Segundo Taboada Leal (Descripción topográfica- histórica de la ciudad de Vigo, su ría y alrededores, Santiago, 1840, p. 22) soamente eran potables as dúas primeiras. A fonte de Neptuno está na Porta do Sol, e a figura que lle daba nome consérvase no parque de Quiñones de León.
9 de xaneiro de 1601. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)