A historia elixe as súas datas con coidadosa compracencia e, por iso, ao longo dos avatares da Humanidade, é frecuente sorprender días ou épocas do ano de signo paralelo, case previsibles, á marxe de absurdas nigromancias. Así sucede que, ao cabo de vinte e tres anos da súa repatriación de Cuba, o rexemento de Murcia, de xa histórica guarnición en Vigo, embarca rumbo aos campos africanos despois de sufriren alí as nosas tropas o rudo golpe de Annual. Murcia representaba a lozanía da nosa mocidade e múltiples familias viguesas lembraban con dor a despedida duns fillos, que non habían de regresar.
“O día que embarcou Murcia- o mar estaba calmo…” A Ladaíña popular, tan repetida hai anos por tristes voces de criadas, ten aínda a súa migalla de emoción.
“Desde o 25 de xullo até o 29 de agosto, que o noso rexemento embarcou no vapor Guillén Sorolla, non houbo momento de acougo na vida viguesa, dedicada case en absoluto ao coidado e alegría dos seus soldados”.
“As doazóns que se fixeron foron cuantiosas, de artigos e cousas prácticas: conservas, roupa, tabaco, cerveza, vino… O Círculo (Mercantil) fixo un donativo de 1500 botellas de auga de Mondariz. Todo o mundo en Vigo fixo un novo e espontáneo esforzo. Certo que moitas lágrimas brotaron das pupilas (sic) femininas en familiares intimidades, veladas polo temor descoñecido daquela ausencia. Certo que unha indefinida angustia invadiu os animosos corazóns vigueses…”.
“Chega o luns, día 29 de agosto, e toda a xente de Vigo é unha persoa; todas as almas viguesas senten palpitar un mesmo corazón.- Era un día suave; con suavidade de tenrura.”
“O ceo, cuberto de celaxes rosáceas, puña velos caprichosos aos resplandores do sol, que semellaba tamén emocionado ante o espectáculo que el mesmo alumeaba.”
“A ría, esa ría misteriosa que ten poder de maxia orgullosa que levaba no seu seo a tantos vigueses se deslizase polas súas augas para agasallala os bicos das súas ondas.”
“O Castro, ese vixía permanente dos tesouros naturais da nosa vila, ofrecíase como pedestal da gloria e as xentes, afanosas, trepaban por sendeiros e camiños cara ao monte , que aparecía festonada de seres viventes, empolicados aquí e acolá como mariñeiros dun buque fantástico que cobren as enxarcias en momento solemne…”
“Bandeiras, música, estrépito de sirenas, balbordo de bucinas, aplausos, vivas, bágoas, laios… O Guillén Sorolla puxérase en movemento e todo o cortexo que o rodeaba e seguía en centos de embarcacións engalanadas, axitábase en palpitacións de embriaguez patriótica.”
“Quen podería, vigueses, describir aquel momento?- Se aínda hoxe ao lembralo se sobrepón a emoción e nos leva o pensamento en ás de fantásticos agoiros.”(Bernardo Bernárdez Romero, op. Cit., I, 52-54).
Quixemos aducir o texto dunha testemuña presencial daquela emotiva despedida do Murcia, que tan doloroso rego deixou na alma colectiva da cidade porque en van trataríamos de suplir coa nosa pluma o cálido acento de quen escribiron a crónica daquelas xeiras.
29 de agosto de 1921. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).