O Terzo de Valadares apodérase da praza fronteiriza portuguesa de Monzón. Os portugueses refán as súas forzas e concéntranse fronte a Salvaterra, ao amparo da torre fortaleza da Penela, que aínda hoxe ergue a súa esvelta arquitectura medieval. Acude o Terzo de Valadares o día 9 seguinte, e toma Ponte Real e incauta varias pezas de artillaría, causa mil mortos ás tropas lusitanas e tómalles trescentos prisioneiros. Despois, unido o Terzo ao resto do exército, colabora no sitio de Salvaterra, praza forte moi estimada, que entón detentaban os portugueses, os cales se ven forzados a entregala o día 16.
Este famosísimo Terzo, que había ter unha actuación moi destacada nas guerras de Portugal e Flandres, foi fundado en Vigo, o 12 de xullo de 1643 por don Fernando de Valadares y Sarmiento. As súas tropas estaban integradas exclusivamente por xentes de Vigo e a súa comarca.
7 de febreiro de 1659. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).