O xeneral inglés Baird, á fronte de cinco mil homes do exército aliado de Moore, chega a Vigo, perseguido polos franceses. Unha desgraciada manobra separárao en Vilafranca do groso do exército; a marchas forzadas emprendeu o camiño deste porto, onde os seus homes foron socorridos.
Respecto ao número daqueles, non están as crónicas de acordo, pois, algúns historiadores din que a forza de Baird se compuña unicamente de oitocentos homes, entre oficiais e soldados. Despois de permanecer cinco días en Vigo, reembarcaron en buques ingleses rumbo ao seu país.
A veciñanza quedou consternada ao ver como abandonaban a loita diante do avance inimigo, deixando unicamente en terra doce canóns para a defensa de Vigo. Esa defección foi honrosamente satisfeita polo propio xeneral Moore, morto á fronte dos seus na batalla de Elviña.
21 de xaneiro de 1809. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).