A propósito das nosas comunicacións con Portugal e Castela, escribe D. Ángel de Lema y Marina, secretario da redacción de Faro de Vigo, cousas moi substanciosas no número de hoxe. (Aclaremos que o cargo citado equivalía ao de director)
“A estrada do Porto a Valença para enlazar coa xeral de Vigo a Madrid, que o Goberno portugués mandou construir para a excitación do comercio daquela praza, demostra a necesidade absoluta de enlazar Porto con Vigo e o deber na que se atopa a nosa administración de remover todos os obstáculos que dificultan ese contacto constante que ten que haber entre os dous portos situados no océano, pero entre os que hai diferenzas moi notables para que o movemento mercantil reflúa nun con preferencia ao outro…
A vantaxosa posición de Vigo no océano, aparte das especiais circunstancias da súa tranquila e profunda baía, a súa proximidade aos centros máis productivos das máis feraces provincias de Castela, dánlle unha grande vantaxe sobre Porto. Isto non é, porén, o bastante para atraer os froitos de Castela a ese porto; isto non é o bastante para os apartar do Douro; isto non significa nada, absolutamente nada para fomentar a riqueza castelá, carecendo de comunicacións…Por estas lixeiras consideracións pode virse en coñecemento que se Salamanca e máis provincias veciñas queren a franca e expedita navegación do Douro e a directa comunicación con Vigo, é para exportar o excedente das súas abondosas colleitas por ambos os puntos e non atoparse suxeitas a un accidente calquera que poida ocorrer entre as dúas nacionalidades. Basta un malentendido con Portugal para que os cereais non poidan ir polo Douro e, abrindo comunicación entre Vigo e Castela este inconveniente non será tan sensible ás nosas provincias “.
E continúa D. Ángel coa acumulación de sólida argumentación. Propugnando a apertura de vías suficientes ante a forza captadora do porto de Lisboa ao que pretendía opor as de Porto e Vigo unidas.
Á marxe destes temas tan transcendentes no mesmo número do Faro lemos isto (que tamén afectaba ás comunicacións… polas beirarrúas da cidade):
“Non quixésemos enganarnos ; pero seméllanos que se está a verificar unha xeitosa reacción nos miriñaques. Semella que baixan as ás , que se adhiren máis as súas portadoras, nótase máis espazo nas beirarrúas, non soa tanto o estalar das teas de crina e sobre todo, as mulleres aparecen máis esveltas ou sequera menos infladas.
– Sexa ou non ilusión. Gústanos máis así ; e se forza tivésemos para empurrar á reacción (en asuntos de pouca cousa), consagraríamonos en corpo e alma a este interesante obxecto”.
Sinceramente, un sente compaixón polo xuizoso xornalista que non alcanzou a coñecer o atavío feminino dos nosos días, se a máis leve concesión á poética fantasía. Pero tamén estamos seguros de que aquel partidario da “reacción”, posto hoxe nas nosas beirarrúas, volvería “reaccionar” para atrás”. Enganaba tan piadosamente a pouca cousa…!
15 de novembro de 1857. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)