Durante todo o día sentíronse os efectos dun fortísimo temporal, con vento tempestuoso do Norte e Noroeste, que recrúa ao solpor. Dous barcos de cabotaxe, surtos na ría, rompen amarras, estrelándose contra os dous peiraos con que entón contaba o porto, un situado fronte á antiga batería da Laxe, que era o máis antigo, e outro, o chamado peirao comercial, ao remate da rúa Colón, antes rúa Ramal. Ambos os dous quedaron esnaquizados en gran parte e inútiles para prestar servizo.
Víñase denunciando polas forzas vivas da cidade o estado ruinoso do peirao comercial do seu derrubamento, ata tal punto inminente que don Bernardo Bernárdez Romero publicara tres anos antes un artigo profético, describindo os pormenores do afundimento do peirao, nunha visión case apocalíptica, moi ao estilo de Wells.
O Faro de Vigo o día 18 comentaba: “Parece que a natureza, que nos colocou en situación privilexiada, quixo nun momento de indignación, dar unha forte aldabrada ao poder Central para que atendese de vez o que non quiso oír, desatendendo as xustas reclamacións deste laborioso pobo.
“Onte puideron apreciarse en detalle os calamitosos efectos da galerna que sufrimos e que por moito tempo deploraremos.
“As perdas son incalculables. Os danos son enormes. En todos os rostros reflectíase a gran dor que causa ollar tanto destrago”.
A xeración moza apenas poderá comprender que hai soamente trinta e sete anos Vigo non tivese peiraos. A transformación da cidade, o seu crecemento e o empuxe foi de tal magnitude nos últimos anos, que o Vigo daquela se lles antollaría a moitos unha estampa do século pasado, cando os trasatlánticos ancoraban na metade da ría, e as mercadorías e os pasaxeiros eran transbordados en lanchas. A desaparición do peirao de ferro e o afundimento do de pedra, apenas inaugurado, mantiñan este porto nunha situación angustiosa, co comercio en aguda crise e os ánimos das xentes alporizados a causa da pachorra oficial, favorecida polas pretensións doutros portos interesados na prostración do de Vigo. Dicíase, non sen fundamento, que Vigo contaba nas altas esferas con poderosos atrancos, que se opuñan as súas xustas pretensións.
16 de xaneiro de 1880. Xosé María Álvarez Blázquez. ‘A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo’ (Xerais, 2008).